O PROGRAMA ENREDADAS IMPULSA A DIVERSIFICACIÓN DO TRABALLO DAS REDEIRAS CO DESEÑO E PRODUCIÓN DE NOVOS PRODUTOS ARTESÁNS

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria e a conselleira do Mar participaron nun encontro sobre esta iniciativa que impulsa accións formativas para este colectivo 

O PROGRAMA ENREDADAS IMPULSA A DIVERSIFICACIÓN DO TRABALLO DAS REDEIRAS CO DESEÑO E PRODUCIÓN DE NOVOS PRODUTOS ARTESÁNS

O obxectivo é que se impulsen novas liñas de produto e atraer máis profesionais a este proxecto co que se pon en valor o traballo das redeiras, que contan así con ingresos complementarios 
Este ano daráselle un novo pulo ao programa, coa continuación dos cursos de complementos de moda e bixutería e coa introdución de novos campos de actuación vinculados a disciplinas como o interiorismo e o mobiliario
A conselleira do Mar lembrou que no 2012 o seu departamento aprobou dous proxectos que recibiron axudas ao abeiro dos Grupos de Acción Costeira para a posta en valor do labor destas profesionais

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron hoxe nun encontro sobre o programa Enredadas, no que colaboran os departamentos que ambos dirixen co obxectivo de impulsar a diversificación e a posta en valor do traballo das redeiras co deseño e produción de novos produtos artesáns. 

Tal e como explicou Conde, no marco desta iniciativa que se desenvolve desde o 2012, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño ten realizado diferentes cursos de formación centrados nos complementos de moda, a bixutería ou as técnicas de enfiado, nos que participaron redeiras de localidades como Malpica, Corme, A Guarda, Cariño e Burela. 

Froito das distintas actuacións deste programa da Xunta, os novos produtos elaborados polas redeiras incorporáronse aos puntos de venda oficial de Artesanía de Galicia, e a diferentes tendas de moda e artesanía. Ademais, desde o 2013 participan no encontro Corazón da Artesanía, que a Xunta organiza en Agolada, así como en diferentes feiras locais facendo demostracións e venda. As redeiras estiveron tamén representadas por unha profesional da Guarda e outra de Corme no stand da Semana de Galicia no Pavillón de España na Expo Internacional de Milán 2015.

Neste 2016 a Consellería do Mar e a Consellería de Economía, Emprego e Industria continúan colaborando para darlle un novo pulo a estas actuacións, coa continuación dos cursos de complementos de moda e bixutería e coa introdución de novos campos de actuación vinculados a disciplinas como o interiorismo e o mobiliario, co obxectivo de impulsar novas liñas de produto e atraer ao proxecto máis profesionais, que contan así con ingresos complementarios. 

Segundo sinalou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia hai preto de 240 redeiras con carta de artesá, un 25% máis que en 2012. Tanto a elas, como ao resto de redeiras de Galicia, vai dirixido o programa Enredadas, que contará este ano con profesores como Charo Froján e Alfredo Olmedo, da firma téxtil D- DUE; Montserrat Álvarez, directora do estudo de deseño de Ronan e Erwan Bouroullec de Paris; a deseñadora de moda Rosalía Castro, ou o deseñador industrial Juan Ares e a gañadora na categoría Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía Idoia Cuesta.

Apuntou Francisco Conde que as actuacións nas que están a participar as redeiras “representan o que é hoxe a Artesanía de Galicia, un sector que bebe da tradición e que, a través da innovación e da colaboración con outras disciplinas, se reinventa cada día”. Sinalou así mesmo que “iniciativas como Enredadas permítennos avanzar no que buscamos co Plan de Artesanía de Galicia, abrindo novos camiños para que se exprese o talento galego”. 

Por outra banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou “a importancia da formación, da diversificación e da especialización” e neste campo, dixo, “somos mellores cando imos xuntos, pois a suma dos esforzos de todos supón unha multiplicación dos resultados”

Ademais lembrou que hai catro anos o seu departamento aprobou no marco do Fondo Europeo da Pesca e ao abeiro dos plans estratéxicos zonais dos Grupos de Acción Costeira dous proxectos de cooperación coas redeiras. Un deles é o denominado Enredadas e nel participaron as Asociacións de Burela, Malpica e Corme co obxectivo de amosar o traballo, a tradición e o oficio das redeiras. 


O outro dos proxectos, explicou a conselleira, é o de diversificación da actividade das redeiras, presentado pola Asociación do Baixo Miño, Atalaia. Esta iniciativa “buscou novas saídas profesionais para as súas asociadas, conseguindo unha diversificación efectiva que permite complementar os ingresos do oficio das redeiras”, subliñou Rosa Quintana.