O PP de Cangas afirma que o edil de Deportes fai as contas do Gran Capitán

O PP de Cangas afirma que o edil de Deportes fai as contas do Gran Capitán ao non contabilizar entre os costes da piscina aspectos como a luz e a auga, que asume o Concello e non a empresa que presta actualmente o servizo.
O grupo municipal do Partido Popular non está para nada de acordo coas afirmacións realizadas no día de onte polo concelleiro de Deportes Xoán Chillón nas que poñía en valor a xestión realizada polo goberno tripartito respecto a piscina municipal A Balea. Os populares recordan ao nacionalista que o actual goberno prometeu en campaña electoral municipalizar este servizo e que pola contra o que fixeron, despois de pechar as instalacións durante meses foi contratar a unha empresa por prestación de servizos   a razón de 18.000 euros/mes por unha duración de 10 meses, prorrogables a outros dez. “Este modelo de xestión se ten confirmado nos últimos meses como un auténtico fracaso xa que pese a que os veciños pagan por este servizo as instalacións continúan sendo deficitarias” explican, “a este feito hai que sumar que este modelo de xestión resulta especialmente gravoso para os veciños que pagan dobremente este servizo (cos seus impostos para cubrir o déficit e coas súas cotas) e especialmente ventaxoso para empresa que cobra unha cantidade fixa, exista ou non demanda de usuarios” engaden. “A realidade é moi tozuda” afirman, “as previsións marcadas pola propia concellería que dirixe o señor Chillón seguen sen cumplirse”.
A formación sinala que tratar de facer calquer paralelismo entre a xestión realizada polo anterior goberno popular co o actual é un pobre intento de tratar de xustificar o inxustificable, “nós pusemos en marcha un novo servizo, realizando un contrato temporal cunha empresa (por tres, non por 10 meses prorrogables) como transición a un concurso de concesión que servira para dar continuidade e estabilidade a este novo servizo e lembramos ao señor Chillón que os veciños e veciñas puideron comezar a utilizar estas instalacións de xeito totalmente gratuíto” recalcan os do PP de Cangas
.
“A realidade é que non existe consenso dentro do goberno tripartito sobre o modelo de xestión destas instalacións deportivas, sendo os veciños e veciñas de Cangas os perxudicados en última instancia da indefinición neste asunto do actual equipo de goberno” rematan.