21/3/16

O PAVILLÓN "PABLO HERBELLO", DE BUEU, ACOLLE UNHA XORNADA MULTIDEPORTE NO MARCO DA SEMANA SANTA DEPORTIVA



A concellaría de deportes de Bueu, a través do Instituto Municipal de Deportes, está organizando para estes días varias actividades deportivas, que fomentan a convivencia ademais de ser una fórmula de practicar outros deportes que normalmente non teñen cabida na oferta dos clubes nin na escola, tal e como destaca Manolo Otero, concelleiro de deportes.
Así, hoxe tivo lugar una actividade de orientación, na que participaron en torno a cincuenta persoas, que puideron descubrir determinados lugares de interese artístico, arquitectónico ou medioambiental do centro da vila, tales como o Estaleiro da Banda do Río, a praia da Banda do Río, a casa de Matilde Bares, a vila romana de Bueu, o galeón de carga ‘Ave de Paso’, etc.
A programación continúa mañá, 22 de marzo, cunha Xornada Multideporte que se desenvolverá entre as 10.30 e as 13 horas no Pavillón Pablo Herbello. A actividade vai dirixida a nenos e nenas de  8 a 12 anos, e é obrigatorio levar calzado para mudarse. 
Os monitores deportivos do Concello ensinarán aos nenos e nenas a práctica de deportes coñecidos como o fútbol ou o balonmán, e outros menos, como o bádminton ou o floorball (hockey adaptado a pista).
O mércores é a quenda da xincana de bicicletas, que se desenvolverá na Praza Massó entre as 11 e as 13 horas, e que ensinará aos nenos e nenas diferentes xogos de habilidade e destrezas coa bicicleta, ademais de aproveitar para incluír diferentes conceptos da educación viaria. Para esta actividade é imprescindible traer bicicleta e casco.