O OBRADOIRO SOBRE A EDUCACIÓN NA ADOLESCENCIA ORGANIZADO POLO CONCELLO DE BUEU INÍCIASE MAÑÁ



O terceiro dos obradoiros postos en marcha na primeira fase por parte do Concello de Bueu comezará a impartirse este mércores, a partir das 19.30 horas no salón de actos do IES Illa de Ons.  
A actividade “O reto: educar na adolescencia” conta con vinte e seis familias inscritas do municipio, que traballarán sobre as estratexias e ideas para aumentar a responsabilidade dos adolescentes, e a adaptación a esta etapa tan complexa. A actividade estenderase ata maio e dividirase en sesións de periodicidade semanal cunha duración de 90 minutos cada unha. 
Cun custe gratuíto, este obradoiro insírese no marco da defensa de políticas sociais activas fomentadas desde o Concello para canalizar as inquedanzas da veciñanza. Neste sentido, actualmente están en marcha “Educa en familia”, dirixido a pais e nais de nenos/as de educación primaria, e “Acórdaste?”, na que participan unha vintena de persoas maiores de 65 anos que estimulan e adestran a súa memoria. 

Máis adiante poranse en marcha nunha segunda fase máis obradoiros para fomentar a igualdade, a prevención da violencia de xénero, a protección do medio ambiente, o impulso da eco agricultura ou o coñecemento e promoción do patrimonio cultural, arquitectónico e paisaxístico. Estas actuacións intégranse pois nun proxecto de carácter multidisciplinar que abrangue diferentes ámbitos da vida na vila e en función dos cales se organizarán actividades coordinadas polas diversas concellarías