10/3/16

O MUSEO DO MAR DE GALICIA ACOLLE A NOVA EXPOSICIÓN DO ARTISTA OURENSÁN XOSÉ LUÍS OTERO, ‘EXPLORANDO NO CAOS’

O Museo do Mar de Galicia acolle desde hoxe a nova exposición do artista ourensán Xosé Luís Otero, ‘Explorando no caos’, unha mostra de suxestivas e inspiradoras sensacións abstractas que combinan pezas realizadas en técnica mixta sobre lenzo de gran formato con instalacións e proxeccións e que permanecerá aberta ata o vindeiro día 1 de maio con entrada de balde.

A exposición supón “unha nova contribución ao programa de exposicións temporais que vén desenvolvendo o Museo do Mar, un programa co que este centro cultural de referencia na cidade de Vigo e en Galicia nos ofrece manifestacións artísticas diversas nas que o mar constitúe unha recorrente fonte de inspiración”. Así o asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, esta tarde durante a súa inauguración, na que tamén interviron o director do museo, Vicente Caramés; o crítico de arte Carlos López Bernárdez e mais o propio artista. 

“Xosé Luís Otero vén sumarse aos recoñecidos artistas que ocuparon as salas deste centro museístico”, recordou o secretario xeral, entre os que se atopan nomes destacados coma os de Antón Patiño, Baltazar Torres, Amando ou Xaquín Torres. Este último foi, coa mostra ‘Horizonte’, un dos protagonistas da programación expositiva temporal do pasado ano no Museo do Mar, que tamén ofreceu en 2015 outros proxectos relevantes como a exposición ‘Pacífico. España e a aventura do mar do Sur’, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e de Acción Cultura Española, ou a mostra ‘Terra, mar e aire’, cun cento de obras pertencentes á colección de arte contemporánea da Fundación AENA.

50 obras inéditas
Un total de 50 obras pictóricas e escultóricas inéditas, apoiadas por imaxes de vídeo e o fío condutor da narrativa, conforman a mostra, que, como define o propio artista, se estrutura ao redor do concepto da viaxe, do camiño. A idea agromou hai dous anos no sur de Francia, aínda que “despois –explica o autor– o camiño foise abrindo e configurando ao redor desa idea, das texturas e dos materiais que busquei ou atopei, alimentándome de todo iso”. 

Unha prolífica traxectoria
Xosé Luís Otero expón no Museo do Mar de Galicia amparado por unha prolífica carreira artística que o ten levado, ademais de por España, por varios países de Europa, así como por diferentes zonas de Estados Unidos.


Nado en Ourense en 1964, o pintor galego caracterízase por plasmar paisaxes, vinculadas habitualmente coa comunidade galega, e orientadas actualmente cara á abstracción, xogando coas formas luminosas e ambientais.