O CONSELLEIRO DE POLÍTICA SOCIAL AMOSA O SEU COMPROMISO CO BENESTAR DAS PERSOAS MAIORES NO ENCONTRO MANTIDO COA SOCIEDADE GALEGA DE XERONTOLOXÍA E XERIATRÍA


José Manuel Rey Varela clausurará o seu XXVIII Congreso Internacional que se celebrará os días 22 e 23 de abril en Lugo e no que se abordarán aspectos de relevancia na atención da poboación de avanzada idade 

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, reuníronse hoxe con responsables da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, unha entidade científica sen ánimo de lucro que fomenta o desenvolvemento do coñecemento sobre o envellecemento humano. O encontro forma parte da rolda de entrevistas que se están a realizar dende a Consellería de Política Social co obxectivo de coñecer de primeira man as actuacións que levan a cabo as entidades que traballan no eido dos servizos sociais. 

Así as cousas, Rey Varela manifestou logo da reunión mantida hoxe en San Caetano que a atención ás persoas maiores é unha das prioridades para a Xunta de Galicia e que durante este ano 2016 a Consellería de Política Social seguirá traballando na mellora da calidade de vida deste colectivo. Cómpre destacar que a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade aumentou o seu peso nos Orzamentos da Xunta para 2016 ata chegar aos 281,3 millóns de euros.

Pola súa banda, o presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX), Andrés Vázquez, explicáballe  Rey Varela durante o encontro desta mañá que a promoción dos movementos de educación sanitaria e accións dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas de idade avanzada constitúe un dos principais eixos de actuación da dita entidade. Neste sentido, Vázquez informou ao conselleiro da celebración do XXVIII Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, que se celebrará en Lugo os días 22 e 23 de abril e que por vez primeira terá carácter internacional. Ao fío disto, José Manuel Rey Varela lembraba o firme compromiso da Xunta de Galicia coa mellora da calidade de vida das persoas que máis o precisan. Unha implicación que se ten plasmado coa colaboración da Administración autonómica na organización do congreso en pasadas edicións, e que se repetirá este ano logo de que o titular de Política Social confirmase aos responsables da SGXX a intención de colaborar de novo no evento. De feito, o conselleiro clausurará o foro na xornada do sábado 23 de abril.

Abundando aínda máis nesta cuestión, o presidente da SGXX confirmaba esta mañá a participación de máis  de 300 profesionais de recoñecido prestixio de España, Portugal, Paraguai ou Chile, entre outros. Un evento que permitirá debater e expoñer os últimos retos, novidades e avances “non so no sector científico e médico, é dicir, xeriátrico”  explicou Andrés Vázquez, senón tamén, matizou “no ámbito sociolóxico, social, persoal como é a xerontoloxía e que servirá ademais, para darlle pulo aos avances, experiencias, contidos e novidades máis relevantes que se producen en Galicia no labor das persoas maiores, tendo en conta que falamos dunha das comunidades máis envellecidas do mundo, a quinta de toda Europa”. E, ao fío explicou que un dos obxectivos do congreso “é aproveitar a oportunidade científica, médica e social que representa para profesionais e as propias persoas maiores -as que invitan a acudir e presentar as súas inquedanzas- e, sobre todo, para traballar na procura dunha maior calidade de vida deste colectivo”. 

O presidente do Comité Organizador, Carlos Dosil, salientaba logo do encontro co conselleiro que este é “un dos congresos máis importantes do seu ámbito que se vai celebrar en Galicia”  e no que destacados profesionais do sector aproveitarán para presentar en mesas e talleres científicos, médicos e sociais, “os principais avances e novidades da xeriatría e a xerontoloxía que se está a desenvolver en Galicia, España e o resto do mundo”. 

O encontro desta mañá serviu tamén para que os representantes da SGXX presentaran a Rey Varela un novo proxecto de investigación para a realización dun estudo pioneiro en Galicia sobre a imaxe das persoas maiores na sociedade, coa finalidade de diagnosticar e saber cal é a situación do colectivo senior na Comunidade Galega. Unha proposta que o titular de Política Social se comprometeu a estudar.


A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría aglutina a profesionais de múltiples disciplinas que traballan no proceso do envellecemento, e teñen como claves fundamentais de intervención a asistencia universal e integral, a intervención interdisciplinar e a intención activa da mellora da calidade de vida da persoa e a súa contorna familiar e relacional.