O CONCELLO DE CANGAS DISPORÁ DUN ESPAZO PARA A ATENCIÓN DE CONSUMIDORES


A sinatura do convenio entre o Concello e a Unión de Consumidores de Galicia permite achegar ás persoas consumidoras do Morrazo servizos de asesoramento, formación e información no eido do consumo

O alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo, asinaron un convenio de colaboración polo que o consistorio cede á UCGAL un espazo físico nas dependencias municipais que lle permita achegar ás persoas consumidoras do Morrazo servizos de asesoramento, formación e información no eido do consumo.
Trala xuntanza de onte, determinouse que o asesoramento aos consumidores do Morrazo comezará a principios do mes de abril. A UCGAL centrará os seus esforzos na defensa e promoción dos intereses das persoas consumidoras e na realización de actividades informativas e formativas, comprometéndose a levar a cabo dúas actividades ao ano dirixidas a público xeral ou a colectivos específicos.
Ademais, a UCGAL ofrecerá asesoramento ó Concello de Cangas en materia de consumo e mecanismos de reclamación, e tamén lle prestará asistencia na confección, elaboración e modificación de tarifas de servizos públicos.