O CONCELLO DE CANGAS ACOLLE A EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA “PEL CON PEL”

Pel con pel, a mostra fotográfica que reúne corenta imaxes que recollen momentos íntimos entre nais e fillos acompañadas de textos e poemas de recoñecidos autores galegos, permanecerá instalada dende o día 9 de marzo ata o vindeiro día 23 no interior do Concello de Cangas. 
Chuchamel pretende, xunto coa Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, non só a visibilización e normalización da lactación materna senón destacar o papel das mulleres que loitan día a día polo dereito de poder escoller como aleitar e criar ós seus fillos. Pel con pel, que así se chama a mostra, está composta por corenta instantáneas que retratan a nais no íntimo momento de aleitar ós seus fillos. As imaxes están acompañadas de textos e poemas de escritores e escritoras galegos. 
Unha mostra itinerante que leva dende o 2010 percorrendo a xeografía galega. Nacida grazas á colaboración entre a Consellería de Sanidade, a Federación Galega de Grupos de Apoio á Lactación Materna (Fedegalma) e a editorial Galaxia. 

A asociación Chuchamel nace no Morrazo no ano 2002 ante a necesidade e demanda de moitas nais que despois de decidir aleitar ós seus bebés atópanse co desamparo e a banalización da lactación materna. Chuchamel brinda apoio, información e axuda a todas as nais que teñen dificultades coa lactación, contando cun equipo de asesoras de lactancia formadas, traballando de forma altruísta e desinteresada.