O CINECLUB DE BUEU PROXECTA ESTE SÁBADO ‘GETT, EL DIVORCIO DE VIVIANE AMSALEM’

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
Este sábado, o Cineclub de Bueu organiza a súa proxección de “Gett, el divorcio de Viviane Amsalem”, dos directores israelís Ronit Elkabetz e Shlomi Elkabetz. Como todos os primeiros sábados de cada mes, organízanse dúas sesións, unha ás 19.30 horas en castelán, e a segunda ás 22 horas en versión orixinal subtitulada. A cota de entrada é de 2 euros para socios e de 3,50 euros para os non socios do Cineclub.

O filme conta a historia de Viviane Amsalem, separada dende fai anos de Elisha, o seu marido. Esta muller quere conseguir o divorcio para non converterse nunha marxinada social, pero en Israel non existe aínda o matrimonio civil; segundo as leis relixiosas, tan só o marido pode conceder o divorcio. No entanto, Elisha négase a facelo. Viviane terá que loitar ante o Tribunal Rabínico para conseguir ese dereito. Así verase inmersa nun proceso de varios anos no que a traxedia competirá co absurdo e absolutamente todo se porá en entredito.