O CGAC PRESENTA UNHA EXPOSICIÓN DO ARTISTA ANTONI SOCIAS E PROGRAMA UNHA CONVERSA E UN LABORATORIO DE IDEAS EN TORNO AO SEU TRABALLO

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
O CGAC inaugura en Santiago de Compostela, hoxe, Teoría e práctica do deserto, unha mostra de Antoni Socias comisariada polo director do CGAC Santiago Olmo. A exposición ocupará a planta soto, o Dobre Espazo, o Espazo de Proxectos, A Cantina e o propio hall do centro. A exposición poderá visitarse até o 12 de xuño de 2016.
O artista participará ademais en dúas actividades vinculadas á súa obra: unha conversa co director do CGAC e con Caramo Fanta, artista moi vinculado á traxectoria profesional e persoal de Socias e, na fin de semana, o Laboratorio de ideas Nin tan perfecta é a ciencia nin tan sublime a arte no que se debatirá sobre a vinculación de diferentes disciplinas coa arte.
A exposición recolle o traballo do artista en diferentes etapas da súa vida profesional pero tamén inclúe pezas novas. No seu traballo cuestiona de xeito constante o sentido e o significado da obra de arte, establecendo relacións de fricción entre forma e contido. Manifesta unha predilección polos paradoxos e polo absurdo, que sutilmente se converte nunha larvada crítica social e política desde as pequenas cousas, subliñando a importancia das actitudes no día a día.
O traballo de Antoni Socias renóvase constantemente no formal, por iso é imposible establecer un criterio de estilo recoñecible provocando sentimentos de estupor e pertubación no espectador. No entanto, é nas metodoloxías de traballo onde, de maneira sistematizada, é posible recoñecer unha orixinal visión de percorridos e un estilo de cuestionamento, atravesado polo humor, a provocación, o paradoxal e o performático.
A mostra recolle as nocións básicas que sustentan o mundo do artista. Son concretamente doce os piares que motivan o traballo e a súa actividade reflexiva. Catro deles, Perturbación, Ocultación, Desdobramento e Autorretrato, ademais de seren conceptos ideolóxicos en por si, son ao mesmo tempo procesos que xeran liñas de traballo. Nestes piares atopamos por exemplo o desexo de comunicar desacougo, turbación, incomodidade no que corresponde á perturbación; a descontextualización de propostas dentro de ingravidez; a variación de propostas creativas, pero con vocación metódica, correspóndese coa biodiversidade nunha clara apropiación do concepto biolóxico; ou establecendo unha supremacía do proceso de traballo por riba dos resultados no apartado de investigación, de feito, este último apartado foise afianzando no traballo de Socias alimentado por múltiples lecturas paralelas sobre investigación científica. Os procesos complétanse con piares como a responsabilidade, o absurdo ou a negación, cos que o artista reflexiona sobre a súa obra e a relación desta co mundo.
No propio discurso teórico presenta unha arte que para ser crítica debe navegar contra corrente e falar de todo aquilo do que habitualmente adoita gardarse en silencio.
Ademais o azar entrou na súa obra da man do filósofo Demócrito que relatou “Todo o que existe no universo resulta dun encontro entre o azar e a necesidade.”
Antoni Socias
Antoni Socias, cursou estudos na Escola Superior de Belas Artes Sant Jordi de Barcelona, a súa actividade é multidisciplinar ao combinar o deseño gráfico, a fotografía, a comunicación publicitaria coa actividade artística. Impartiu talleres de fotografía e comisariou exposicións en diversos centros, a súa obra foi exposta en innumerables galerías de arte e museos do mundo e foi adquirida para as coleccións en importantes museos como Artium de Vitoria, Centro de Arte Reina Sofía de Madrid ou Es Baluard de Palma de Mallorca.
ACTIVIDADES VINCULADAS COA EXPOSICIÓN
Conversa co artista
Na sala do Padroado do CGAC terá lugar o día da inauguración ás 19.00 h unha conversa aberta ao público entre o artista Antoni Socias e o director do CGAC e comisario da exposición Santiago Olmo. Nesta ocasión o artista e o comisario estarán acompañados polo artista Caramo Fanta, cunha traxectoria persoal e profesional vinculada ao traballo de Antoni Socias, e Enric Socias, fillo do artista e especialista en imaxe.
Performance
A partir das 21.30 horas, Enric Socias (imaxe) e Borja Vega (son) ofrecerán en directo unha performance audiovisual titulada HIPN.
Os días 1 e 2 de abril terá lugar o Laboratorio de ideas Nin tan perfecta é a ciencia nin tan sublime a arte dirixido por Antoni Socias, no que os participantes poderán debatir diferentes propostas que vincularán a arte coa ciencia, a filosofía ou a psiquiatría.
O laboratorio está destinado a artistas profesionais, estudantes de arte de cursos avanzados, filósofos e científicos con inclinación pola arte a cultura (físicos, matemáticos, biólogos, psiquiatras...).
As persoas interesadas poden inscribirse enviando unha mensaxe electrónica  a cgac.educacion@xunta.es ou chamando ao teléfono 981 546 602.
O prezo da matrícula é de 20 €.