20/3/16

MANUELA COUSO, CULTIVADORA DE CUNTIS, RECOLLE A CAMELIA DE OURO DO LII CONCURSO/EXPOSICIÓN INTERNACIONAL


O Premio Especial Antonio Oriozola, que se outorga 
á flor individual máis destacada, foi para Eusebio López Redondo, de Fene

A presidenta da Deputación destacou a vangarda dunha exposición que se adapta aos tempos actuais

Manuela Couso, cultivadora e concursante procedente de Cuntis, recolleu esta mañá o Premio Camelia de Ouro do LII Concurso/Exposición Internacional da Camelia. Este é o máximo galardón da mostra e entrégase á concursante que presenta o conxunto de variedades máis destacado en canto ao número e á calidade das flores. Nesta edición, Manuela Couso, que ten unha colección de 900 variedades que foi engrosando ao longo de máis de 20 anos, presentou a concurso un conxunto de máis dunha vintena de especies e castes, con flor tanto grande como pequena, e que incluía variedades de reticulata, japónicas e híbridas. Pola súa banda, o gañador do Premio Antonio Odriozola, Eusebio López Redondo procede de Fene e presentou unha flor da especie Camellia Híbrida Nitidissima,  do cultivar 'Honeymoon'. Este premio outórgase á flor individual máis descatada. 
A entrega de premios foi conducida pola deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, que aproveitou para felicitar a todos e todas as expositoras participantes asegurando que "é unha pena que teñamos só 21 premios, porque eu que participei no xurado vin de primeira man que aquí hai moito esforzo, moita paixón, e hai exemplares verdadeiramente espectaculares".  Fixeron entrega dos galardóns todas as persoas que formaron parte do xurado -Gilberto Moldes, José Manuel Vila, Pilar Vela, Carmen Salinero e Begoña Franco-, o deputado provincial David Regades, o concelleiro do concello de Pontevedra, Alberto Oubiña, a propia deputada da EFA, Eva Vilaverde, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que fixo entrega do máximo galardón. Durante a súa intervención, Carmela Silva destacou  que "a camelia xa ten un enorme atractivo en si, e con esta mostra quixemos que se adaptara mellor aos tempos e aos aires doutras cidades europeas que celebran importantes mercados de flores".
Os galardón entregado nesta edición tamén foi modernizado e corresponde a un deseño dos irmáns Cimadevila, tres xoieiros pontevedreses mozos, e está inspirado nun cultivar galego, a Rosa do Ortel. Aos dous premios xa mencionados, hai que engadirlle o Premio Especial da Sociedade Española da Camelia, que foi para Clara Abalo; o Premio á traxectoria da Sociedade Española da Camelia que foi para Carmen Salinero; á Mellor Presentación Artística, o primeiro para Lelita Gradín e o segundo para José Freire. Aos mellores lotes foron , na categoría de Camellia Reticulata, o primeiro para Rosa e Jaime Escofet, o segundo para Edmundo Novoa, e o terceiro para Fernando Vila; en Híbridos de Camelia para Leonor Magariños, o segundo para Ana Calo e o terceiro para Carmen Corral; en Camellia Japonica Branca para Pilar Bargiela e Ana Calo; en Camellia Japonica Vermella para Carmen Costas e Carlos Comendador; e en outras especies para Eusebio López e Carlos Comendador. 

Nesta edición do concurso concorreron 54 expositores e expositoras procedentes de 27 concellos, destacando en canto a número de concursantes os concellos de Vilagarcía de Arousa, con 10 expositores, e Pontevedra con 6. Da provincia de Pontevedra había expositores e expositoras de Vilanova de Arousa, Vigo, Salceda de Caselas, Marín, Tui, Sanxenxo, Mos, Soutomaior, Valga, Moaña, Tomiño, O Grove, Cuntis, O Porriño, Ribadumia, Redondela e Vilaboa. Da provincia da Coruña, había expositores e expositoras de Cabanas, Fene, Padrón, Teo, Rianxo e Boiro. Tamén un participante procedente de Lugo cidade.