La Xunta entrega trajes especiales a los bomberos para enfrentarse al avispón asiático

A XUNTA ENTREGA AOS BOMBEIROS GALEGOS MÁIS DE CEN TRAXES ESPECIAIS PARA A LOITA CONTRA OS NIÑOS DE VESPA VELUTINA

O vicepresidente, Alfonso Rueda, entregou equipamento para os catro consorcios provinciais de bombeiros de Galicia e o Consorcio Comarcal do Deza/Tabeirós
Tamén se entregaron máis de 400 mangueiras, 3.000 litros de líquido escumóxeno e 6 cámaras térmicas dotadas coa última tecnoloxía e accesorios
O ano pasado retiráronse entre 7.000 e 8.000 niños da chamada ‘vespa asiática’

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, entregou esta mañá equipamento para os catro consorcios provinciais de bombeiros de Galicia e o Consorcio Comarcal do Deza/Tabeirós. 

O acto de entrega tivo lugar no Parque de Bombeiros de Barreiros, en Lugo, e contou coa presenza da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e os xerentes dos parques de bombeiros.

En concreto, fíxose entrega de 107 traxes especiais para a loita contra os niños de vespa velutina, 410 mangueiras, 3.000 litros de líquido escumóxeno e 6 cámaras térmicas dotadas coa última tecnoloxía e accesorios. 

Rueda remarcou que esta nova entrega de material evidencia o compromiso da Xunta coas emerxencias e con todo o persoal que traballa neste importante servizo, ben sexa Protección Civil, Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) ou bombeiros.

O obxectivo destas entregas é conseguir que as persoas que traballan na xestión das emerxencias conten cos mellores medios e traballen nas mellores condicións, favorecendo 
atención ás emerxencias en calquera parte do territorio galego ao que dan cobertura os consorcios de bombeiros.

Con ese obxectivo traballa a Xunta, que nos últimos meses reforzou os medios materiais das agrupacións de voluntarios de Protección Civil -cunha dotación extraordinaria de máis de 4 millóns de euros- e tamén ven de dotar de novo equipamento aos grupos de emerxencias do Sur de Galicia que participan no proxecto de cooperación transfronteiriza ARIEM 112. 

Máis preparados fronte a vespa velutina
O vicepresidente da Xunta quixo facer fincapé na entrega dos máis de cen traxes específicos para a retirada e destrución dos niños de vespa velutina, unha especie que tivo un impacto importante no traballo dos servizos de emerxencia nos últimos tempos.

A entrega deste equipamento, como a do resto do material, efectuouse tendo en conta a estrutura organizativa de cada Consorcio e o seu volume de intervencións, especialmente no que atinxe ás actuacións contra a chamada ‘vespa asiática’.


A este respecto hai que lembrar que o ano pasado o Goberno galego retirou ou inactivou ata 5.640 niños de vespa velutina en 170 concellos. A estes datos habería que sumar aqueles niños intervidos por outros axentes -asociacións apícolas, concellos, parques de bombeiros ou empresas privadas-, co que o número podería chegar ás 7.000 ou 8.000 actuacións.