"Internet mudou as normas de cortesía para adaptalas a unha nova forma de relacionarse" (Mar Castro)

Eduardo Muñiz | Pontevedra / 
In DIARIO DE LA UNIVERSIDAD DE VIGO

“Internet é o escenario natural de socialización do século XXI”, sostén a investigadora Mar Castro, que na súa tese de doutoramento analizou como a rede ten mudado tanto a forma de relacionarse das novas xeracións como as normas de cortesía que nela se aplican. Na sociedade dixital, “a mocidade adopta pautas que para os non iniciados poden resultar inadecuadas, pero que, pola súa aceptación, convértense en norma”, sinala esta investigadora, para quen as novas xeracións téñense convertido en “marcadoras de tendencias” neste escenario “de conversa virtual permanente, que carece de límites xeográficos, temporais ou espaciais” e que polo tanto é o marco dunha “intensa socialización”. 

“As normas de cortesía social non son válidas, da mesma maneira e forma, nunha contorna dixital”, defende Castro, que na que é “a primeira tese en lingua española dedicada á netiqueta”, Evolución das normas de etiqueta: desde o medio analóxico á contorna dixital. A cortesía nas relacións persoais en España, dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Fernando Ramos, analiza a evolución ao longo da historia destas normas sociais de cortesía. “Ao longo da evolución humana, o tempo, a racionalidade e a sociedade xustificaron hábitos e condutas corteses”, sostén esta investigadora, que parte da premisa de que “a cortesía lexitima a socialización das persoas” e que estas normas, que se adaptan a cada época e ambiente, fan posible relacións asentadas “no respecto, a humildade, a tolerancia, a amabilidade e a naturalidade”. 

Novas pautas para un novo escenario

Non obstante, os valores “que serven de orientación e xustificación” destas normas “varían en cada cultura e contexto social”, sinala Castro, que apunta que “as normas tradicionais, aínda que se foron relaxando co tempo, son máis severas e ríxidas” que as admitidas actualmente nas contornas dixitais. Nelas, o uso do correo electrónico, as redes sociais e as aplicacións de mensaxería teñen encamiñado as relacións sociais cara un escenario de comunicación permanente, “no que o usuario interactúa reforzando a súa identidade e ampliando a súa presenza social”. Trátase pois dun “espazo de diálogo e interacción humana de tamaño ilimitado, caracterizado pola accesibilidade, a inmediatez e a sinxeleza”, no que, polo tanto, imperan “unhas pautas de comportamento sinxelas, sensatas, naturais e actuais”. 

Segundo constatou Castro, Internet implicou unha adaptación das normas sociais marcada en primeiro termo pola propia linguaxe. Nese senso, incide nesa capacidade das novas xeracións de marcar tendencias para resaltar que a xente nova “influíu notablemente" nesta adaptación, marcada por modos de escritura “propios da linguaxe coloquial” ou pola integración dos emoticonos na escritura, así como pola súa maior “precisión e sinxeleza” e a “relaxación nos tratamentos sociais”. O resultado final, sostén, dá pé a unhas “normas máis flexibles, naturais e espontáneas” 

Do mesmo xeito, a investigación realizada por Castro pon de relevo non só que “Internet modificou a forma relacionarse da xente nova”, senón que esta foi a súa vez a que marcou a pauta das novas relacións sociais na rede. “Na era da comunicación analóxica, a televisión e os medios de comunicación facían de motor lingüístico e de conduta da sociedade”, apunta este investigadora, que contrapón este escenario ao propio dunhas xeracións conformada por “nativos dixitais”, que se distinguen por seren “suxeitos interactivos, multifuncionais e multitarefas”. Un grupo que coida “a imaxe que ofrece nos seus perfís” e que mantén varias conversas á vez a través da rede e que marcou en gran medida a linguaxe que se emprega nesta. 

A importancia da reputación dixital

Convertida a rede nun escenario de socialización, a cortesía ou descortesía na mesma tense erixido como un aspecto que afecta “en grande medida na configuración da túa reputación dixital”, segundo salienta Castro, que incide na importancia de manter valores como “o respecto e a educación”, pero tamén na necesidade de saber “xestionar a privacidade e a visibilidade” en Internet, como factores fundamentais para “relacionarse na sociedade da información”. Neste senso, esta investigadora incide en que “para evitar ser descortés, a premisa fundamental é ser consciente da audiencia, de que o medio é dixital pero os receptores son humanos”. Por iso, ademais de afondar na súa tese na análise das normas, regras, recomendacións e preceptos aplicadas en España ao longo dos séculos para comprender a súa adaptación a esta nova contorna, fai énfase nunha serie de "principios de actuación" deste novo xeito de socializarse, centrados na importancia de comunicarse de forma clara e concisa a través, de analizar que información debe ou non compartirse e con quen se fai, así como na necesidade de preservar a intimidade.