Galicia suma o noveno mes consecutivo de suba da produción industrial

Galicia suma o noveno mes consecutivo de suba da produción industrial, cun incremento en xaneiro do 4% con respecto ao mesmo mes do ano anterior, segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística. 

O dato coloca á comunidade como a cuarta de España na que máis creceu o Índice de Produción Industrial, situándose 3,3 puntos por riba da media nacional, que se sitúa no 0,7% e certifica a boa marcha da industria galega. 

Por sectores, destacan os incrementos na industria madeireira do 32,4%, do naval nun 25,9%, do 17,9% na metalurxia, do 16,1% no téxtil, ou do 1,7% na automoción. Ademais, o conxunto da industria manufactureira medrou un 6,9%, máis do dobre que a media española.

Esta tendencia de crecemento industrial está a ser respaldada polo Goberno galego a través da Axenda da Competitividade Galicia- Industria 4.0. Esta folla de ruta ten entre os seus obxectivos que a industria creza ata chegar ao 20% do PIB galego no ano 2020, e a creación de 50.000 novos empregos.