Feijóo sinala que a renovación do PPdeG pon ao partido en mellor situación que en 2009 para obter unha vitoria electoral

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este domingo que a renovación efectuada no partido tras os últimos congresos provinciais sitúa a esta formación en mellores condicións que en 2009 para obter unha vitoria electoral.

Así se pronunciou durante a clausura do Congreso do PP de Pontevedra, no que Alfonso Rueda foi elixido novo presidente provincial e que culmina a renovación do partido en todas as provincias galegas. Feijóo equiparou a situación actual coa que había en 2009, na que “se reparten sillóns sen ter nin acordo nin votos”. 

“Recordo como en 2009 PSOE e nacionalistas xa se estaban a repartir os cargos sen que se produciran aínda as eleccións”, asegurou, e subliñou que non se deron conta de que esas eleccións as tiñan perdidas porque o PP comezou a gañalas previamente, cando decidiu renovarse e unir as súas forzas no Congreso de renovación de Manuel Fraga, en 2006. 

Como daquela, o presidente dos populares galegos asegurou que ao longo destas semanas viu un partido vivo e activo, e que por máis que outros tapen os oídos e non queiran ver, o PP ten a voz dos 7,3 millóns de españois que o votaron. 

Precisamente con motivo desta nova etapa que o PPdeG comeza con ilusión, o presidente dos populares galegos reivindicou unha política para as persoas e con persoas con vocación de servizo, fronte a aqueles que cren que “é máis importante un tuit enxeñoso que un orzamento rigoroso”.  

Nesta liña, defendeu a política na que a experiencia é un valor, así como unha política responsable e que se poida tomar en serio, na que gañar non é o mesmo que perder porque importa o que opina a xente, na que se exerce con humildade. “E reivindico que quen mellor representa esa política é Mariano Rajoy”, concluíu. 

QUEN MELLOR REPRESENTA A PONTEVEDRA
Feijóo trasladou o seu apoio ao presidente do PP porque, segundo enfatizou, é o único candidato que actuou con responsabilidade desde as eleccións xerais. Ademais dixo que Rajoy é quen mellor podería representar a marca de Pontevedra no mundo.

No comportamento contrario, situou ás forzas políticas que teñen o país parado porque non asumen o resultado das urnas e considerou que isto “o único que ten de nova política é que nunca antes se dera tal nivel de irresponsabilidade”. 

“Pasamos do fracaso sen precedentes de Pedro Sánchez nas urnas ao fracase sen precedentes de Pedro Sánchez na investidura”, manifestou, e lamentou que parece que o terceiro fracaso que quere o candidato socialista sexa o de España. “Parece que queren que o seu fracaso sexa o de todo o país para ver se así sacan proveito”, resumiu, e solicitou que non se enroquen e permitan a España seguir adiante. 

Sobre o pacto entre PSOE e Ciudadanos, considerou que non é un pacto de investidura nin de goberno, senón de non agresión, de bloqueo e de interese electoralista. “Demostran que o país é o de menos, e prepáranse para as urnas”, dixo, e a continuación preguntouse para que, se estes partidos demostraron que o resultado das urnas lles dá igual. “Do PSOE poderíamos esperalo, pero desde logo que Ciudadanos decepciona”, trasladou.

RUEDA E LOUZÁN
Feijóo tamén felicitou ao PP de Pontevedra por ter escollido a Alfonso Rueda como novo presidente da formación. Despois de recordar que tanto a vitoria electoral de 2009 como moitas outras non serían posibles sen as súas achegas, considerou que o novo papel de Rueda é un acerto, como o foron todas as responsabilidades anteriores que el lle encomendou, tanto como secretario xeral do PPdeG como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia. 

“Cumpriu coas expectativas e coas súas funcións”, dixo e, tras recordar que Rueda foi o secretario xeral que máis tempo estivo no seu cargo na nosa historia, asegurou que o PPdeG tamén tivo nel a un “bo tipo”. 

Igualmente, tamén recoñeceu o papel de Rafael Louzán á fronte do PP pontevedrés ao longo dos últimos anos. Así, recordou que o azul do PPdeG estivo sempre nos mapas de Pontevedra en todas as eleccións, en ocasións de xeito abrumador, e apuntou que tantas vitorias electorais se acadan con dedicación e esforzo. Por iso, agradeceulle a Louzán o seu traballo e a súa disposición permanente. “Foi quen me abriu a porta dunhas listas electorais; sei onde estou e grazas a quen estou”, engadiu.