FEIJÓO ELOXIA A OBRA LITERARIA DE XOSÉ NEIRA VILAS E AFIRMA QUE “GRAZAS A EL SABEMOS COMO ÉRAMOS, E CANTO LLE DEBEMOS AOS QUE FIXERON POSIBLE O QUE SOMOS”



  • Lembra que “o pai de Balbino” soubo transmitirlle unha humildade que o fai grandioso, unha modestia que o eleva e unha sinxeleza que sigue atraendo homes e mulleres que habitan mundos complexos
  • Subliña que é nesa emigración, na que o escritor vive e coñece, onde nacerá unha Galicia <extraterritorial>; “a Galicia dos sentimentos, do traballo e da irmandade, mentres a Galicia de aquí atravesaba as súas noites de pedra”
  • Subliña que na Feira do Libro de Bos Aires, onde Compostela será a cidade invitada de honor, “don Xosé poderá reencontrarse coa súa outra orixe”
  • Asegura que a semente da Galicia na que os <Balbinos> nacen cun horizonte cheo de realidades e promesas, segue e seguirá presente no seu legado, na súa fundación, no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura, e sobre todo nos lectores que gozan da súa fala natural e acolledora

 O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, eloxiou hoxe a obra literaria de Xosé Neira Vilas e afirmou que “grazas a el sabemos como éramos, e canto lle debemos aos que fixeron posible o que somos”. 

Neira Vilas
Durante o acto de homenaxe ao escritor galego, Feijóo subliñou que este inmortaliza unha Galicia empobrecida na que, “malia todo, poden medrar a beleza e a tenrura”. E, nesta liña lembrou que “o pai de Balbino” soubo transmitirlle unha humildade que o fai grandioso, unha modestia que o eleva e unha sinxeleza que sigue atraendo homes e mulleres que habitan mundos complexos. 

O titular da Xunta resaltou que Neira Vilas presta as letras e dona as palabras a un cativo de aldea para que poida expresarse. “Balbino sente, e Neira Vilas transcribe os seus sentimentos. O escritor non se interpón na liberdade do neno, senón que a facilita para lograr que nunca xamais se esquezan a súas vivencias”, dixo, recordando que o milagre creativo prodúcese nun café bonaerense chamado <La vieja Venecia>, en medio dun mundo emigrante que teima por manter vivo o facho da Galicia natal.

Sobre este aspecto, Feijóo resaltou que Neira Vilas expresaría esa loita constante por incorporarse á terra de acollida, sen esquecer a propia, dicindo que <só pode querer a outro pobo quen se sinte unido ao propio>

“É o de Neira Vilas, un cosmopolitismo con raíces, non desarraigado, con referencias, con faros que orientan nos momentos de desacougo”, abundou, subliñando que é nesa emigración, na que o escritor vive e coñece, onde nacerá unha Galicia <extraterritorial>; “a Galicia dos sentimentos, do traballo e da irmandade, mentres a Galicia de aquí atravesaba as súas noites de pedra”.


Feijóo concluíu subliñando que na Feira do Libro de Bos Aires, onde Compostela será a cidade invitada de honor, “don Xosé poderá reencontrarse coa súa outra orixe”, e aseverou que a semente da Galicia na que os <Balbinos> nacen cun horizonte cheo de realidades e promesas, segue e seguirá presente no seu legado, na súa fundación, no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura, e sobre todo nos lectores que gozan da súa fala natural e acolledora.  “É a súa unha ausencia moi presente. É a súa unha presenza ausente que nos estimula a seguir realizando os soños de Balbino, ese <ninguén> que somos todos”, sentenciou.