8/3/16

FEIJÓO ADIANTA QUE A XUNTA APROBARÁ POR PRIMEIRA VEZ UN PROGRAMA DE INSERCIÓN LABORAL PARA MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que este ano o Goberno galego aprobará por primeira vez un programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero. “Trátase dun programa que pretende ser unha vía de acceso ao mercado laboral para quen poida sentir que ten todas as portas pechadas”, dixo, durante o acto institucional con motivo do Día Internacional da Muller, baixo o lema Con mulleres hai Galicia, hai ilusión, hai tenacidade, hai ideas, hai capacidade, hai identidade, hai paixón.

A este respecto sinalou que non nos podemos permitir que ningunha muller que padeza violencia de xénero se sinta desamparada, especialmente nunha Administración como a Xunta que, -tal e como indicou o titular do Goberno galego-, é eminentemente feminina. “Dos 86.000 empregados públicos, 60.000 son mulleres. Mulleres que contribúen na educación, na atención nos servizos sociais e traballan nas distintas consellerías e institucións”, engadiu.

Así mesmo, e co obxectivo de reforzar a atención, Feijóo destacou que a Xunta está en coordinación permanente coas demais administracións –especialmente cos concellos-, para ampliar a rede de cobertura e información que poidan precisar as mulleres que se atopan en situación de vulnerabilidade. 
Nesta liña, lembrou que a Lei de medidas urxentes de Administración local, aprobada en 2014, supuxo un importante impulso na prestación conxunta destes servizos porque, entre outras cousas, permitiu ampliar a cobertura. “Deste xeito, se en 2012 só había un par de centros conxuntos que atendían 16 concellos, actualmente son 30 centros os que, de xeito agrupado, prestan axuda a mulleres de ata 117 municipios”, precisou, logo de expresar o seu convencemento de que serán máis unha vez que se aprobe o novo decreto regulador dos CIM “que estamos a elaborar, e que facilitará a constitución deste tipo de entidades de carácter compartido entre varios concellos”.

Por outra banda, e coa finalidade de ampliar os recursos e dotar de maiores fondos as organizacións sociais que atenden mulleres en situación de vulnerabilidade e a aquelas que son vítimas, tamén, da trata –“outra problemática que non debemos esquecer”-; Feijóo precisou que este ano o Goberno galego incrementou eses fondos nun 51%, e case medio millón no caso das asociacións que forman parte da Rede Galega contra a Trata, “ás que a Xunta lles concedeu a Medalla Castelao o pasado ano polo imprescindible labor que desempeñan”.

Plan Emega, un impulso ao emprendemento feminino
Durante a súa intervención, Feijóo afirmou que falar de emprendemento hoxe en día é falar dun espazo de innovación na nosa economía do que forman parte homes e mulleres a partes iguais; e, ese é o obxectivo polo que vén apostando o Goberno galego a través do Programa Emega, para que o emprendemento feminino non perda impulso.

Sobre este punto, o responsable da Administración autonómica lembrou que desde 2009, esta iniciativa leva permitido a creación de 500 postos de traballo entre as mulleres que se deciden a iniciar un negocio, “e este ano –aseverou- contará cun orzamento superior para acentuar aínda máis esta tendencia”.

Ademais destas medidas de apoio á muller, Feijóo subliñou que desde 2013 a Xunta vén elaborando un informe para medir o impacto que as contas xerais da Comunidade van ter sobre todas as políticas do Goberno galego nos diferentes ámbitos: educativo, cultural, económico, etc. 

Feijóo avanzou tamén que este ano a Xunta aprobará: o I Plan galego de igualdade no eido educativo, co que pretendemos elaborar un documento de referencia para todos os centros de ensino onde se aborde máis profundamente o tema da coeducación e a prevención da violencia de xénero; a segunda edición do Programa Muller e Ciencia 2016-2020; e o VII Plan galego para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres 2016-2020.

O presidente da Xunta concluíu afirmando que as doce mulleres que nesta ocasión protagonizan o acto institucional con motivo do Día Internacional da Muller, son a proba de que -como reza o lema escollido para celebrar este 8 de marzo-, ‘hai ilusión, tenacidade, ideas, capacidade, identidade e  hai paixón’.

“A vocación artística que converteu a Ángeles Jorreto nun dos principais expoñentes da pintura contemporánea galega, é a mesma que hoxe prende a creatividade dos graffitis de Silvia Rodríguez Peña. O amor pola ciencia que converteu a Guadalupe Pérez-Lafuente na primeira muller cirurxiá pediátrica de España, é o mesmo que moveu o grupo de investigación que forman Tays Ferrer, Susana López, Macarena Arca e Andrea Magán, a poñer a última tecnoloxía en drons ao servizo da medicina e o transplante de órganos”, subliñou, engadindo que “o carácter pioneiro de Maruxa Miguéns como primeira muller gaiteira de Galicia, está tamén presente no traballo de Marta Fierro como unha das dj galegas máis recoñecidas a nivel nacional”.


Por último, afirmou que “igual que Margarita Dans soubo destacar como un dos referentes do atletismo galego, Marta Brañas é hoxe unha das mulleres que está a sumar máis éxitos ao boxeo nacional; e, tanto en Carmen Prado como en Noelia Otero, vemos que a paixón polo xornalismo se renova de xeración en xeración”.