FEIJÓO ACORDA CO MINISTERIO DE EMPREGO DAR XA O PRIMEIRO PASO CARA Á CIDADE DA XUSTIZA DE VIGO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe coa Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, o acordo para a reasignación de usos nos inmobles que integran o hospital Xeral-Cíes de Vigo, dando hoxe o primeiro paso cara á Cidade da Xustiza, “pola que Vigo levaba traballando hai moito tempo”, e cara á un novo capítulo da historia do Xeral.

Logo de recoñecer que “non se tratou dun proceso fácil” e de destacar o traballo feito desde a Administración autonómica e desde o Goberno central, Feijóo incidiu en que “hoxe estamos ante o inicio dun novo capítulo máis da vida deste edificio e estamos vendo o inicio dun novo episodio na historia de Vigo”.

Nesta liña, subliñou que con esta decisión apórtase unha solución urbanística, “xa que as normas en vigor tras a anulación do PXOM permiten que ese solo e ese edificio se usen para impartir xustiza”; unha solución para un dos emblemas de Vigo, “que recuperamos para o seu uso e axudamos a revitalizar unha zona céntrica da cidade”, e dáse unha solución á situación dos xulgados.

Sobre este punto, precisou que agora todos os profesionais do Dereito terán a súa disposición unha infraestrutura que unificará todos os órganos xudiciais da cidade; “unha infraestrutura que porá a disposición de todos eles 10.000 metros cadrados máis que a suma dos edificios xudiciais actuais e o proxecto no que estabamos a traballar”.

Así mesmo, Feijóo garantiu o compromiso de que os edificios xudiciais actuais non caian en desuso e que sigan sendo útiles para a zona, tanto para manter a súa actividade como a súa vitalidade. Ao fío disto, lembrou que a semana pasada aprobouse no Consello un plan de aforro en alugueiros que ten como obxectivo o aproveitamento dos inmobles titularidade da Comunidade, “coa finalidade de poñer en valor os inmobles propiedade dos galegos e de ir diminuíndo os alugueiros, co obxectivo de aluguer cero”.

Unha vez culmine a retrocesión do edificio, o titular do Goberno galego expresou o convencemento de que Xunta e Goberno central farán todo o posible para axilizar os trámites. O mes que vén convocarase un concurso de ideas para recibir os proxectos de adaptación deste edificio aos usos xudiciais, co reto de licitar a obra nun prazo inferior a doce meses e tela finalizada en 2019. 


Feijóo rematou a súa intervención afirmando que este proxecto é posible grazas ao consenso, ao diálogo e a lealdade institucional. “Ao consenso, porque non se podería chegar ata aquí sen o apoio dos axentes xudiciais, comerciantes, asociacións de veciños, arquitectos e Administración estatal, autonómica, provincial e local. Ao diálogo, porque trámites que poderían durar anos pasan a solucionarse en semanas. E á lealdade institucional porque cumprimos a palabra dada”, concluíu.