19/3/16

ENTRA EN VIGOR A NOVA LEI DO SOLO QUE AXILIZARÁ A REDACCIÓN DOS PLANEAMENTOS URBANÍSTICOS DOS CONCELLOS



  • O novo texto promove a protección da paisaxe e a valorización do entorno rural, onde se priorizará a rehabilitación e recuperación
  • Recolle a creación de novas figuras como o Plan Básico Autonómico e os Plans Básicos Municipais, co fin de que todos os concellos de Galicia conten con normas urbanísticas
Hoxe entra en vigor a nova Lei do Solo, logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/1oOwNZu)  hai un mes. Un dos principais obxectivos que se marca este texto lexislativo é facilitar e axilizar a redacción dos planeamentos urbanísticos dos concellos galegos, de xeito que todos os concellos poidan contar cun instrumento de ordenación.

A nova Lei do solo é un texto máis sinxelo e simplificado, coa redución dun 31% de artigos respecto da normativa anterior; e que prevé a redución de trámites, acurta nun 75% a tramitación autonómica dos plans. Nace con vocación de futuro e de permanencia e pon o interese xeral que supón a paisaxe por riba de calquera interese privado ou particular. 

A modo de exemplo, a lei establece o marco necesario para que as construcións se adapten ao contorno, grazas ao fomento da recuperación do xa construído fronte a novas estruturas e reforza a obriga de rematar exteriormente as construcións, poñendo fin ao deterioro das paisaxe galega. Nese sentido, é un novo marco normativo que facilita o desenvolvemento sustentable do rural, impulsando a protección do mesmo, pero garantindo ao mesmo tempo as súas posibilidade de desenvolvemento.

Unha das principais medidas que recolle esta lei é a creación de novas figuras como o Plan Básico Autonómico e os Plans Básicos Municipais, destinados a servir de apoio aos concellos con menos de 5.000 habitantes, que son os que maiores dificultades técnicas adoitan atopar para elaborar un planeamento. Estes concellos terán a liberdade de elixir se fan eles o PXOM ou se o fai a Xunta a través do Plan Básico Municipal.


En resumo, este texto normativo axudará a contar cunha Galicia ordenada, sostible, capaz de crecer e de ser competitiva, ao tempo que respecta o seu patrimonio, os seus valores naturais e a súa paisaxe.