31/3/16

EN 2016 O SERGAS ESTENDERÁ A TODO O TERRITORIO GALEGO AS VÍAS RÁPIDAS DE ATENCIÓN ONCOLÓXICA PARA AXILIZAR A DIAGNOSE E O TRATAMENTO DOS TIPOS DE CANCRO CON MAIOR INCIDENCIA

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
  • Feijóo precisa que tamén existen vías rápidas para outros procesos non oncolóxicos como a lumbalxia, a demencia ou a artrite
  • Subliña que en 2015, un total de 11.721 persoas se beneficiaron deste procedemento, unhas 250 máis que no ano anterior
  • Resalta o papel indispensable que xoga a nova infraestrutura tecnolóxica
  • Avanza ademais que o Plan galego de atención ao ictus fará posible que calquera persoa con sospeita de ictus que se atope nun hospital comarcal sexa atendido on-line por un especialista de neuroloxía das Unidades de Referencia de Ictus para valorar con maior precisión o seu diagnóstico
  • Agradece, unha vez máis, o labor de todos os profesionais do Sergas
  • Resalta que este acordo de xestión é o primeiro que se enmarca na Estratexia Sergas 2020, e reforza un dos principais obxectivos con horizonte na próxima década: ser un dos servizos públicos de saúde máis eficientes das rexións europeas 
  • Asevera que ao longo deste 2016 poñeranse en servizo novos centros de saúde “e iniciaremos a construción doutros novos”
  • “Neste ano vamos recepcionar e poñer en funcionamento a ampliación do Hospital do Salnés, o bloque cirúrxico do Hospital da Coruña e todo o edificio de hospitalización do Hospital de Ourense; iniciaremos o plan director de remodelación integral do Hospital da Mariña e espero, ademais, que empecemos co plan director do Hospital de Ferrol”, afirma

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe que en 2016 o Sergas estenderá a todo o territorio galego as vías rápidas de atención oncolóxica, que implican tempos máximos de espera para a diagnose, a estadiaxe e o tratamento deste tipo de patoloxías.

Tras a sinatura do Acordo de Xestión 2016 do Servizo Galego de Saúde, Feijóo precisou que estas vías rápidas cobren as doenzas oncolóxicas máis frecuentes nas que o diagnóstico precoz é fundamental para o posterior desenvolvemento da enfermidade: o cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, melanoma e cabeza e colo.

Logo de destacar que tamén existen vías rápidas para outros tipos de procesos non oncolóxicos como a lumbalxia, a demencia ou a artrite; o titular da Xunta precisou que este sistema de atención apóiase nas canles de conexión establecidos entre a Atención primaria e a Hospitalaria, de modo que se monitorizan uns signos ou síntomas e, ante a sospeita de enfermidade maligna oncolóxica, o paciente entra nunha vía rápida na que os tempos de espera, tanto para a diagnose como para a correspondente intervención cirúrxica, son mínimos.

O responsable autonómico incidiu na gran transcendencia desta medida xa que implica –reiterou- unha menor espera, e unha diagnose e tratamento máis rápidos dos cancros, o que se traduce en algo fundamental: mellorar o prognóstico vital do paciente, aumentar a supervivencia e diminuír as secuelas da enfermidade.

“A implantación progresiva das vías rápidas –que este ano van ser accesibles en todos os hospitais galegos-, permítenos, polo tanto, cumprir cun dos dereitos que defende a Lei de garantías: o de tempos máximos”, aseverou, ao que engadiu que este procedemento está a facilitar que os pacientes con sospeita de patoloxía grave sexan atendidos nun tempo medio de espera inferior a 15 días desde que son derivados do médico de Familia ao especialista hospitalario.

Feijóo subliñou que en 2015, un total de 11.721 persoas se beneficiaron deste procedemento, unhas 250 máis que no ano anterior. E, o tempo medio de espera destes pacientes reduciuse, ao pasar de 8,3 días en 2014 aos 7,2 días que se alcanzan en 2015.

Nesta liña e durante a súa intervención, o presidente do Goberno galego salientou que a nova infraestrutura tecnolóxica xoga un papel fundamental. E lembrou que esta mesma semana entrou en funcionamento o novo Servizo de Oncoloxía de Radioterapia do Hospital Lucus Augusti; “e fíxoo coa instalación dun acelerador liñal ao que se unirá un segundo”.

Plan galego de atención ao ictus
O titular da Administración autonómica subliñou que o Acordo de Xestión para 2016 contempla como outro dos seus obxectivos a posta en marcha do Plan galego de atención ao ictus. 

Este plan tamén incluirá o programa Código ictus, un proxecto de telemedicina que permitirá que calquera persoa con sospeita de ictus que se atope nun hospital comarcal sexa atendido on-line por un especialista de neuroloxía das Unidades de Referencia de Ictus para valorar con maior precisión o seu diagnóstico.

No tocante a esta iniciativa, Feijóo afirmou que o obxectivo é homoxeneizar a atención nos hospitais do Sergas nos casos de accidente cerebrovascular, para que a asistencia sanitaria se realice coa máxima seguridade e no menor tempo posible. Non en van, esta doenza aguda é en Galicia a primeira causa máis frecuente de morte.

Os profesionais do Sergas, unha peza fundamental 
Feijóo agradeceu, unha vez máis, o labor de todos os profesionais do Servizo Galego de Saúde.

Así, aseverou que grazas ao traballo e dedicación de todo o persoal sanitario, ao peche de 2015: os galegos esperaron 2 días menos que en 2014 para unha intervención cirúrxica; os pacientes de prioridade 1, agardaron unha media de 19 días para someterse a unha operación, e os de prioridade 2, 56 días; o rendemento cirúrxico en 2015 acadou un nivel do 76,2% (185.281 intervencións); o número de consultas hospitalarias en xornada ordinaria o ano pasado foi de 4.237.280, case 66.000 máis que en 2014; e en Atención Primaria realizáronse case 900.000 consultas máis que en 2014, e case dous millóns de consultas telefónicas.

O presidente da Xunta aseverou que a norma que vai rexer este Acordo de Xestión será a Lei de garantías das prestacións sanitarias, “porque é o marco legal que nos temos fixado para garantir de forma explícita os dereitos dos pacientes: os tempos máximos de espera segundo a gravidade da doenza; unha segunda opinión médica; a libre elección de centro hospitalario e de médico de familia, pediatra, e persoal de enfermaría en Atención primaria; ou a manifestación de instrucións previas por parte do paciente”.

E resaltou ademais que este acordo é o primeiro que se enmarca na Estratexia Sergas 2020, que está semana presentou no Parlamento o conselleiro de Sanidade. E vén reforzar un dos principais obxectivos con horizonte na próxima década: ser un dos servizos públicos de saúde máis eficientes das rexións europeas.

No tocante as infraestruturas, Feijóo aseverou que ao longo deste 2016 poñeranse en servizo novos centros de saúde “e iniciaremos a construción doutros novos”. Así mesmo, afirmou que “neste ano vamos recepcionar e a poñer en funcionamento a ampliación do Hospital do Salnés, o bloque cirúrxico do Hospital da Coruña e todo o edificio de hospitalización do Hospital de Ourense; iniciaremos o plan director de remodelación integral do Hospital da Mariña e espero, ademais, que empecemos co plan director do Hospital de Ferrol”.