20/3/16

DEPUTACIÓN AVOGA POR ABRIR CAMIÑOS PARA DESENVOLVER TODAS AS POSIBILIDADES PRODUTIVAS DA CAMELIA

Carmela Silva, en el curso de su visita
a la exposición

Carmela Silva salientou que esta flor “xa forma parte da nosa Galicia” e que “é xa moito máis que unha flor, é unha paixón”

A inauguración do LII Concurso/Exposición da Camelia que esta fin de semana se celebra no Recinto Feiral de Pontevedra tamén contou coa presenza do Alcalde da cidade e da directora xeral de Turismo
“Non podemos permitirnos o luxo de prescindir das posibilidades produtivas de ningún sector con potencial, e menos da camelia, sendo como son as Rías Baixas un dos lugares do mundo onde mellor se produce”, sinalou Eva Vilaverde, a deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, durante a súa intervención na inauguración do LII Concurso/Exposición Internacional da Camelia. 
Eva Vilaverde fixo especial fincapé en que “a camelia nunha perderá a súa condición ornamental, pero esta debe pasar a ser complementaria da faceta produtiva e xeradora de riqueza e emprego”. A deputada asegurou, ante os e as representantes públicos, as persoas que participan na exposición e o público congregado no Recinto Feiral da cidade que “teremos que seguir abrindo camiños, pelexar por patentes, por continxentes, por cambios na normativa, loitar contra privilexios asentados que benefician a sectores doutras latitudes con maior protección dos poderes políticos e económicos para desenvolver todas as posibilidades produtivas deste cultivo”. Unha loita que, asegurou Vilaverde, se fai dende o Areeiro, como laboratorio punteiro que é a nivel mundial no referente ás investigacións relacionadas coa camelia. Mencionou como exemplo que dúas das tres primeiras economías mundiais, China e Xapón, teñen poderosas industrias que usan como materia prima os produtos e subprodutos da camelia, entre os que citou os aceites para uso gastronómico e cosmético, os tés, os biopesticidas, a madeira e o turismo.

A máxima representante da Deputación, Carmela Silva, incidiu tanto no papel que a camelia representa na cultura do país e da provincia, como no novo concepto de exposición que nesta edición se estrea en Pontevedra. “Hoxe aquí imos abrir todos os sentidos ante unha flor, que é moito máis que unha flor, é maxia e é unha paixón” comezou dicindo a presidenta do ente provincia. Carmela Silva asegurou que “a camelia forma parte da nosa Galicia, falar de camelia é falar de nós, de todos os galegos e de todas as galegas”. Co convite a visitar todos os espazos da exposición, con apartados dedicados aos cinco sentidos, Carmela Silva instou a todos e todas as presentes a “que se deixen sorprender, que se deixen levar polo que hai aquí dentro deste recinto”.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, iniciou a súa intervención cunha metáfora lírica relacionando oriente, lugar de procedencia deste cultivo, e as Rías Baixas, lugar que conta cunhas calidades únicas para o seu cultivo. Calificou a camelia como “un dos máis recoñecidos iconos das Rías Baixas, unha flor que é como o sol, que nace en oriente e vén esconderse nesta outra parte do orbe, unha relación astral entre o principio e o final dos días, coa camelia como protagonista”. Á marxe da parte simbólica, Fernández Lores tamén coincidiu en mencionar a parte produtiva deste cultivo. “Cada vez máis iniciativas acompañan a creación de riqueza en torno a esta flor, con produtos que poden desenvolverse, que ofrecen oportunidades que complementan ben os usos decorativos, paisaxísticos e turísticos” asegurou o alcalde. Da exposición desta edición dixo que “esta mostra dos sentidos da camelia será un chanzo avanzado e inesquecible, polos sabores, polos aromas, polas formas e por todo o misterio que arrodea ás flores” e aproveitou para felicitar ao equipo técnico e directivo. 

Pola súa banda, a directora xeral de Turismo, Nava Castro, centrou boa parte do seu discurso en poñer en valor a Ruta da Camelia da que asegurou que “é un produto cabeceira de marca na promoción turística de Galicia  que reúne una ducia de xardíns públicos e privados”. Destacou desta Ruta que “utilizando a camelia como fío condutor, permite descubrir o patrimonio natural, arquitectónico, monástico e gastronómico dos lugares polos que transcorre”.