Deputación acolle a xornada de preparación da mobilidade Erasmus + do PracticumDepo 2015

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto coa deputada delegada de emprego, Montse Magallanes, inauguraron esta mañá no Pazo Provincial da institución provincial a xornada de preparación da mobilidade Erasmus + do PracticumDepo 2015, co obxectivo de dar a coñecer ós 26 participantes nesta segunda mobilidade en que consiste o proxecto e como se teñen que preparar.  
A xornada consistiu nunha presentación do programa, achega de documentación e formación ó alumnado sobre as características da mobilidade, as condicións de aceptación da bolsa, os compromisos das persoas participantes, trámites, dereitos e deberes, CV formato Europass, consellos prácticos sobre a viaxe, coberturas de seguros, tarxeta sanitaria, teléfonos de interese, etc. Amais, un grupo de persoas transmitiron a súa experiencia persoal no programa. 
Carmela Silva subliñou a importancia de investir os recursos públicos en programas como este, que “posibilita que mozas e mozos da provincia de Pontevedra, neste mundo global que vivimos, teñan a oportunidade de aprender a adaptarse ó entorno, abrir as súas mentes, e incrementar as súas posibilidades de inserción no merado laboral”. Amais, a Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que a través de Erasmus+ PracticumDepo 2015 “o alumnado terá a oportunidade de adquirir novas competencias lingüísticas, novos coñecementos e habilidades para adaptarse mellor ó mundo global”.
Durante a súa intervención, Silva quixo agradecer o compromiso das alumnas e alumnos, das súas familias e das súas profesoras e profesores. Así, a Presidenta da Deputación manifestou que “hai servidores públicos, neste caso docentes, que sen estar obrigados adquiren compromisos impagables que van máis alá da súa tarefa como mestras e mestres e que toda a cidadanía lle debe agradecer. Grazas a elas e a eles este programa é unha realidade”.
As 26 mozas e mozos que participarán na segunda mobilidade Eramsus + PracticumDepo 2015 iniciarán as prácticas en empresas o 24 de abril e rematarán o 5 de novembro de 2016. 17 alumnas e alumnos desprazaranse ata Italia (Arezzo, Catania) e 9 ó Reino Unido (Londres e Belfast). O alumnado da segunda mobilidade de Erasmus + PracticumDepo 2015 pertence a centros educativos de Marín (IES Chan do Monte), Pontevedra (IES A Xunqueira I e Centro de formación e experimentación agroforestal de Lourizán), Sanxenxo (IES Vilalonga), Silleda (IES Pintor Colmeiro), Vila de Cruces (IES Marco do Camballón) e Vigo (IES Ricardo Mella, IES Chapela, IES Politécnico e Centro de Formación Divino Maestro).
PracticumDepo 2015 enmárcase no programa europeo Erasmus + para o período 2014-2020 e ten por obxectivo que as e os participantes adquiran novos contidos relacionados coa súa profesión, coñezan a cultura do país de destino, melloren o dominio de linguas, detecten oportunidades de emprego e, en definitiva, complementen os seus coñecementos.
Mediante este programa a Deputación de Pontevedra promove a mobilidade de estudantes de ciclos medios de formación profesional, que ten por obxecto realizar prácticas en empresas estranxeiras durante 196 días e facilitarlles o proceso de transición do ámbito da educación e a formación ó mercado laboral.  Os beneficiarios deben ter residencia no noso país, ser maiores de 18 anos e iniciar e finalizar a mobilidade durante os 12 meses posteriores á data de obtención da súa titulación.
En total, participan no programa Erasmus + da Deputación de Pontevedra 123 alumnas e alumnos de 18 centros educativos da provincia de Pontevedra que realizarán prácticas formativas en Finlandia (21 persoas), Francia (30 persoas), Italia (37) e Reino Unido (35). Destas 123 alumnas e alumnos, 41 xa están a desfrutar da primeira mobilidade, iniciada en outubro e que rematará en maio de 2016, e 26 comezarán o vindeiro 24 de abril. A terceira mobilidade, que comprenderá un grupo de 56 alumnas e alumnos, se iniciará en outubro de 2016.

Para poder afrontar a viaxe, a Deputación de Pontevedra a través do programa PracticumDepo2015 outorga axudas económicas que se distribúen en contribucións para a viaxe (sobre 275€) e para o aloxamento, manutención e transportes locais (entre 7.934 e 9.602 €).