14/3/16

COMEZAN OS OBRADOIROS DE ADESTRAMENTO DE MEMORIA CONCELLO DE BUEU

Mañá, 15 de marzo, comezará o Obradoiro “Acórdaste?”, organizado pola Concellaría de Benestar Social de Bueu, e que contribuirá a fomentar e estimular a memoria das persoas maiores de 65 anos. Entre as 10 e as 11.30 horas, o obradoiro desenvolverase no Centro Social do Mar todos os martes e xoves ata o 15 de xuño; e tamén entre as 11.45 e as 13.15 horas dos mesmos días terá lugar na Casa do Pobo de Beluso. 
Este obradoiro organízase no marco da primeira fase de políticas sociais activas postas en marcha desde o Concello de Bueu, e na que tamén se insire a Escola de Familias “Educa coas emocións” e o obradoiro “O reto de educar”. Este último ten aberto o prazo de inscrición e comezará o 30 de marzo no salón de actos do IES Illa de Ons, e nel traballarase con estratexias e tácticas que axuden a lidar mellor cos fillos/as ou netos/as que se atopen nesa etapa adolescente, por certo tan complicada. 

No marco da defensa de políticas sociais activas que canalicen as inquedanzas da veciñanza, o Concello porá en marcha nunha segunda fase máis obradoiros para fomentar a igualdade, a prevención da violencia de xénero, a protección do medio ambiente, o impulso da ecoagricultura ou o coñecemento e promoción do patrimonio cultural, arquitectónico e paisaxístico. Estas actuacións intégranse pois nun proxecto de carácter multidisciplinar que abrangue diferentes ámbitos da vida na vila e en función dos cales se organizarán actividades coordinadas polas diversas concellarías.