CARMELA SILVA FIRMA O CONVENIO DE COLABORACIÓN CO CLUB BALONMÁN CANGAS


A Deputación achega ao club  a cantidade de 45.000 euros anuais
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, firmou hoxe co presidente do Club Balonmán Cangas, Adolfo Camiña,  o convenio de colaboración polo que a entidade provincial achega a cantidade de 45.000 euros anuais ao club deportivo cangués. Á firma tamén acudiu o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos. 
Este convenio contempla que o Club Balonmán Cangas deberá mostrar na súa camiseta oficial o logotipo da Deputación de Pontevedra ademais de figurar en diversos soportes publicitarios do pavillón do Gatañal  dos partidos oficiais da liga Asobal e noutros materias da sociedade deportiva.
Tamén recollese no convenio que o Cangas facilitará invitacións para asistir aos partidos os escolares das escolas deportivas de balonmán  dos concellos, salvo os partidos declarados como “día do club”.
O convenio contemplase dentro do plan de apoio da Deputación de Pontevedra ao deporte e os clubs da provincia que xogan nas ligas máis importantes de cada unha das disciplinas deportivas.
Así nestes días estanse a firmar os convenios de colaboración con outros clubs como o Real Club Celta, o Pontevedra C.F., o Coruxo F.C.,  a Sociedade Deportiva Teucro, que foi firmado onte, o Club Atlético Guardés, o Club Balonmán Porriño, o Fútbol Sala de Poio, o Gimnástia de Atletismo de Pontevedra e o Club Ciclista Froiz.

O apoio do novo goberno da Deputación de Pontevedra ao deporte vense reflexado na incorporación, aprobada no último pleno, de 2,6 millóns de euros o orzamento de máis de seis millóns de euros que  se tiñan consignados no orzamento inicial. Con esta incorporación de remanentes a Corporación poderá atender unha maior implicación en materia deportiva en toda a provincia e potenciar axudas para clubs ou outras entidades.