Bueu : o CD da Coral Polifónica e a IX Gala da Igualdade

A IX Gala da Igualdade que o Centro de Información ás Mulleres de Bueu organiza para conmemorar o Día da Muller Traballadora será este domingo, 13 de marzo, ás 18 horas, no Centro Social do Mar de Bueu. No acto renderase homenaxe a once mulleres costureiras da vila, quen contan as súas vivencias e experiencias nunha reportaxe audiovisual que se vai proxectar o domingo.
De Beluso homenaxearase a Teresa González Soliño, Josefa Menduíña Pérez, Mª Ángeles Fariña Pérez, Mª del Carmen Gómez López, Angelina Otero Estévez e Josefa Molares Estévez; de Bueu, Marina Estévez Juncal,  e Benita Santos Villanueva; e de Cela, Asunción Santomé Parada e Consuelo Graña Moldes.  O documental foi gravado o pasado 1 de marzo no 1º andar dun Museo Massó moi preparado para a ocasión, cun escenario ateigado de mesas de coser da época, revistas de moda, patróns, etc, que inspiraron ás costureiras a que contasen sucesos e aventuras do que foron os seus inicios. Moitas delas comezaron sendo tan só unhas nenas, con 11 e 14 anos, e coseron moito para fóra. Despois veu a etapa de mercar unha máquina de coser, que custaba un ollo da cara, pero que duraba moito, algunhas mesmo recoñeceron coser con elas na actualidade. Os talleres de costura, o custe e importancia deste traballo, as condicións extremas de frío e calor que tiveron que soportar coas máquinas na cabeza polos camiños de Bueu.

PRESENTACION DE CD DA CORAL POLIFÓNICA
Este sábado, a Coral Polifónica de Bueu presentará o seu CD “Quiero ser poeta” nun acto gratuíto e aberto ao público, que se celebrará a partir das 20.30 horas no Centro Social do Mar.  É este o primeiro disco da agrupación buenense, no que os seus compoñentes deixan o seu “esforzo e ilusión” e agardan ir cumprindo metas. O traballo discográfico é tamén, desde o propio título, unha homenaxe sentida ao poeta buenense Jorge J. Loira Gago, falecido no ano 1982, por causa dunha Aneurisma Cerebral Cataclísmica. Tiña daquela 18 anos, e a pesar da súa curta idade deixou no seu legado catro poemarios, pintados máis dunha vintena de cadros e esculpidas outras tantas figuras. Desde hai varios anos os seus pais, Josefa e Jorge, decidiron recompilar e publicar as obras, para que a súa memoria non se perda. E agora a Coral decidiu musicar algúns dos seus poemas, rendéndolle tamén a súa propia homenaxe.
O CD foi gravado o pasado 10 de outubro de 2015, e nel inclúense pezas como “Hijo del anonimato”, con letra do poeta Jorge Loira, “Coral a Castelao”, “A raíña do pracer”, “Negra sombra”, “O mar no fundo”, “Velaí vai”, “Ave María”, “Dum pater familias”, “Boliños do pote” e “Boga, boga, mariñeiro”.