Bueu : MEIRO ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA O XVIII ENCONTRO-DEGUSTACIÓN DO MILLO CORVO

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
Desde mañá ata o domingo celébrase no lugar de Meiro o XVIII Encontro – Degustación do Millo Corvo, festa declarada de interese turístico de Galicia, e que contará cunha ampla e variada programación. Esta festa ten como fin a recuperación desas primeiras mazorcas de millo escuro que se cultivaban na comarca ata que aproximadamente no ano 1720 o millo acaba por substituír o millo corvo. Desde os seus inicios, a Asociación buscou os grans máis axeitados e acudiu aos testemuños dos nosos maiores. 
Así, mañá a partir das 18 horas celebrarase nos Muíños do Canudo a tradicional Muiñada, con queimada a partir das 22 horas. O sábado, ás 11.30 horas abrirase a Ecotaberna, que ofertará produtos naturais, e os diversos produtos realizados coa base do millo corvo. A esa mesma hora tamén sairá un roteiro guiado por Carlos Sánchez, quen nos falará de “Plantas silvestres”.
Ese mesmo día ás 12.30 terá lugar o obradoiro de elaboración de hamburguesas vexetais, a cargo de Aurora Calviño Costas, e ás 14 horas, o grupo tradicional Os Ghalos do Curral amenizarán a xornada coa súa música.
A partir das 17 horas, Damián e Diego Copena, da Delegación da Asociación Galega de Apicultura do Morrazo, charlarán sobre a apicultura e a degustación de meles en Galicia.
Ás 18 horas será a quenda da presentación e degustación de produtos Monte Cabalar.  Fuco Barreiro, da Cooperativa Monte Cabalar, será o encargado de impartir dita charla, e de dar paso ás 19 horas a un obradoiro demostrativo sobre a elaboración do queixo. Esta actividade constará dunha charla titulada “Leite cru, un xeito tradicional de elaboración, un novo camiño”, e dunha degustación de queixos dirixida por Ana I. Vence, da Cooperativa Campo Capela. 
A xornada do sábado remata cunha cata de cervexas artesás a cargo da empresa Faxilda, e cunha actuación do grupo de folk Quempallou.
O domingo, 3 de abril, continúa a programación, onde destaca a charla das 12 horas de “Maiz, Millo Corvo, variedad Meiro y sus subproductos. Fuente natural de componentes beneficiosos para la salud”, que impartirá Gracia Patricia Blanch, doutora, en Ciencias Químicas e investigadora do ICTAN. Ás 14 horas actuará o grupo de pandereteiras Axouxeiras, e ás 17 horas terá lugar o encontro Slow Foof Convivium Galicia “Xantar de Vagar” e rematarase ás 19 horas coa actuación da agrupación folk “Habelas hailas”.