BUEU CELEBROU UNHA EMOTIVA GALA DA IGUALDADE CON HOMENAXE ÁS COSTUREIRAS



O Centro Social do Mar de Bueu foi o escenario da IX Gala da Igualdade na que se homenaxeou a once mulleres costureiras das diferentes parroquias da vila. As protagonistas desta tardiña foron Teresa González Soliño, Josefa Menduíña Pérez, Mª Ángeles Fariña Pérez, Mª del Carmen Gómez López, Angelina Otero Estévez, Josefa Molares Estévez, Marina Estévez Juncal, Benita Santos Villanueva,  Asunción Santomé Parada e Consuelo Graña Moldes.  
Abriu a gala a concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero, quen destacou o oficio das costureiras, as diferentes labores que estas mulleres facían e que foron “gardiás dun tempo”. A continuación, catro netos/as das homenaxeadas deron lectura á poesía “Miña santiña” de Rosalía de Castro, que fala precisamente dese oficio da costura. E xa o acto central abriuse coa proxección do documental gravado no Museo Massó e no que as homenaxeadas falan das súas vivencias, da súa primeira máquina de coser, de como embarcaron nun oficio que as fixo sufrir pero tamén vivir, de como aprenderon a coser e a bordar, dos camiños que percorreron cara as casas ás que ían coa máquina. O oficio de coser supuxo para estas mulleres a oportunidade de formarse nun oficio, e de non ter que ir ao campo na infancia e adolescencia. Cando xa foron mulleres casadas moitas tiveron que tomar as rendas dos seus fogares, pois os seus maridos ían faenar ao mar. Por iso, xa se considera que este oficio ten máis valor se cabe nas vilas marítimas, aspecto que destacou o alcalde de Bueu, Félix Juncal no seu discurso de peche.
Tras o documenta, cunha duración dunha hora aproximadamente, as once mulleres foron agasalladas cunha figura de porcelana de Sargadelos que representa a unha costureira, ademais de que nos vindeiros días se lles vai entregar unha copia do documental a cada unha.
E para culminar esta emotiva gala, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, deu un pequeno discurso no que destacou a importancia deste acto, que vai supoñer de cara a vindeiras edicións un cambio de ciclo. O rexedor falou de que en anos sucesivos se adoptará un modelo mixto, escollendo unha ou dúas mulleres que representen o colectivo. Como broche de ouro, a Coral Polifónica de Bueu interpretou catro pezas musicais, entre as que estaba a “Negra sombra”, baseada na letra do poema de Rosalía de Castro. 
As Galas da Igualdade comezaron a realizarse no ano 2004, aínda que foi a partir do 2008 cando se empezou a facer por colectivos concretos. Nestes anos de historia da gala homenaxeáronse a case oitenta mulleres divididas entre as mulleres de traballos masculinizados, emprendedoras, represaliadas da Guerra Civil, mulleres das Illas Ons, conserveiras, mestras, mulleres do agro, emigrantes, regateiras, redeiras e, este ano, costureiras.

Con este evento, o Concello remata as actividades principais de celebración do Día Internacional das Mulleres, aínda que ata o 15 de abril permanece aberto o prazo para  o Concurso de fotografía “As mulleres na historia de Bueu”, polo que os alumnos dos centros educativos de primaria poderán traer imaxes anteriores a 1980 nas que se vexa a mulleres traballando. A idea é pois realizar unha exposición en torno a maio ou abril na sala Domínguez Búa para dar a coñecer o traballo das mulleres na vila, recuperando un certame que se organizou por primeira e única vez no ano 2004. 


DISCURSO DO ALCALDE 
DE BUEU, FÉLIX JUNCAL, NA GALA DA IGUALDADE, 
HOMENAXE ÁS COSTUREIRAS DE BUEU

Boa tarde a todos e todas, 
cun saúdo especial ás costureiras de Bueu ás que hoxe homenaxeamos, esas mulleres cuxo maior cualificativo é o de valentes e fortes por dobre partida: por seren capaces de compaxinar a costura para a súa familia e para fóra, e a de atender as chamadas tarefas do fogar, co coidado dos fillos e o traballo no campo. Como xa destacou a concelleira de Igualdade, as costureiras foron máis sacrificadas, aínda se cabe, nos concellos costeiros. En lugares coma Bueu á dureza de cargar cunha máquina de coser de casa en casa sumábase a compoñente de estar ao coidado do fogar en solitario, pois os maridos estaban a maior parte do ano no mar.

Esta gala é importante por moitas cuestións, pero en especial porque supón un punto e aparte na configuración destas homenaxes colectivas que desde o Concello de Bueu, a través do Centro de Información ás Mulleres, levamos facendo desde o 2004. Foron doce anos nos que un total de 77 MULLERES foron galardoadas polo desempeño de diferentes traballos  a través dos que demostraron que ser muller non supón un problema á hora de cargar con determinadas responsabilidades. No noso pobo, ao igual que en todos, as mulleres son unha parte moi importante da configuración da nosa historia, dos nosos recordos, e do devir do noso futuro como sociedade. Como nos demostraban o pasado martes, no Día Internacional das Mulleres, os alumnos e alumnas do IES Illa de Ons, quen fixeron unha declaración conmemorativa na que reflexionaban sobre conceptos como a “brecha salarial de xénero” ou o “teito de cristal”. Cando os vimos actuar rapaces e rapazas, non había distinción de sexos, tan só persoas que deixaban clara a súa visión e loita por un mundo máis xusto.
Desde fai doce anos, foron moitos os colectivos de mulleres que homenaxeamos: mulleres que realizaron traballados tradicionalmente masculinizados, mulleres emprendedoras, represariadas da Guerra Civil Española, mulleres das Illas Ons, mulleres conserveiras, mestras, mulleres do agro, emigrantes, regateiras, redeiras, e este ano, as costureiras. Son elas construtoras do noso legado, e do dos nosos herdeiros.

Este modelo de homenaxe foi implantado coa idea de que se tivese conta do noso pasado e de dignificar o papel que as mulleres teñen e tiveron na configuración do noso imaxinario, do noso presente. Esa frase a miúdo repetida de que “detrás dun grande home sempre hai unha gran muller” non deixa de ser máis que a visión da sociedade androcéntrica. As mulleres teñen demostrado en moitas e complicadas circunstancias que son quen de tirar para adiante, de loitar contra imposibles e de impoñerse ante o machismo que sempre as rodeou.
Estas galas teñen pois ese sentido de dignificar, e nesta edición as protagonistas son as costureiras, esas mulleres que andaron arreo polos camiños coas súas pesadas máquinas de coser ao lombo para gañar unhas pesetas cosendo para fóra. Pasaron frío, calor e cansazo, pero recoñecen que era unha profesión bonita, e que a roupa tiña uns mínimos de calidade que agora non teñen. Neste documental vemos os testemuños de 11 destas mulleres, que representan a moitas outras, e que nos contan as súas vivencias para que se siga coñecendo no futuro o que elas fixeron.
Este ano quixen facer un balance de todo o que deron de si as Galas da Igualdade ao longo dos doce anos que levamos celebrándoas. A idea é que con esta se produza un peche de ciclo, e que de cara a vindeiras edicións posiblemente se personificará nunha ou dúas persoas que representarán un colectivo, co afán de facer algo mixto. Esta idea vén tras a reflexión feita por varios asistentes á última Comisión de Igualdade, e ante a dificultade de írense esgotando os colectivos a homenaxear de cara a futuras edicións. 

O Día Internacional das Mulleres ten pois unha razón de ser moi clara: defender os dereitos das mulleres a estar en igualdade de condicións. Nesta edición decidimos homenaxear ás costureiras, porque consideramos que é un traballo que nas vilas marítimas como Bueu tivo aínda máis mérito. Elas son hoxe as protagonistas, elas teceron con fíos a roupa de moitas persoas e coseron e zurciron as vivencias ata chegar ao que hoxe somos. Elas defenderon un modo de facer artesanal que se perdeu na actualidade.
Hoxe en día, sobre todo nas dúas últimas décadas, as empresas do téxtil concentran a súa produción no sueste asiático, onde centos de milleiros de persoas (sobre todo mulleres) traballan en condicións moi precarias e por soldos de miseria. Elas son as que fabrican roupa en serie para as grandes cadeas comerciais. Por iso, a artesanía do oficio de costureira está perdéndose a favor dun aumento xigantesco da produción téxtil, polo que a roupa é cada vez de menor calidade, aínda que os prezos de compra sexan moitas veces ridículos. Aí temos a realidade, e seguimos vendo como o traballo de costureira se cotiza pouco, está moi desvalorizado. 

A igualdade entre homes e mulleres, que é a razón de ser desta gala, debería pasar do papel á realidade. É preciso que nós, como consumidores, nos mobilicemos en contra destas grandes industrias nas que a maioría das traballadoras carecen dunha vida digna, xa que non gañan máis de 6 euros ao día, con xornadas por enriba das 48 horas semanais, nunha industria que move máis de 34.000 millóns de euros en Europa.
Dunha vez por todas, é preciso que creamos que os traballos teñen valor por si mesmos, e non polo sexo de quen os desempeñe. Desde o Concello de Bueu temos moi en conta a perspectiva de xénero no noso día a día, e tamén no fomento da reflexión e debate entre as primeiras idades.  As novas xeracións son o futuro, os que poden lograr que a igualdade non sexa vista como algo extraordinario, senón que estea inmersa totalmente nas accións do cotián.