BUEU CELEBROU O DÍA DA DAS MULLERES COA ENTREGA DE PREMIOS DO CERTAME ‘A IGUALDADE NO TRABALLO’

O Centro Social do Mar acolleu este mediodía o acto de conmemoración do Día Internacional das Mulleres, organizado desde o Centro de Información ás Mulleres de Bueu. A programación comezou ás 12 horas coa apertura do acto por parte de Ana Isabel Otero Pastoriza, concelleira de igualdade, quen destacou que aínda queda moito camiño por percorrer ata a “igualdade formal entre homes e mulleres”. A edil aproveitou tamén para facer unha mención á complicada situación que aínda viven moitas mulleres do mundo. 
A continuación, o alumnado do IES Illa de Ons representou unha orixinal e moi elaborada declaración conmemorativa na que indirectamente deixaron entrever a reflexión sobre conceptos como a “brecha salarial de xénero”ou o “o teito de cristal”. Comezaron cun manifesto conxunto no que avogaban pola igualdade e liberdade das mulleres, e pasaron despois a comprobar por medio de xornais que esta igualdade entre sexos no ámbito laboral aínda non é de todo efectiva. A representación foi moi emotiva, e nela notouse a identificación dos alumnos e alumnas na mesma, tal e como destacou o alcalde na súa intervención final. 
A parte central do acto foi a entrega dos premios aos gañadores/as do certame de viñeta e ilustración “A igualdade no traballo”. Das 236 viñetas participantes dos seis centros educativos do municipio, outorgáronse tres primeiros premios: para Brais Pastoriza Garrido, alumno de 1º da ESO do CPR Virxe Milagrosa, para Noa Fernández Regueira, de 1º da ESO do IES Johán Carballeira, e para Inés Brión Martínez, de 6º de primaria do CEIP A Pedra. Ademais, houbo nove mencións especiais para Rocío Novas Santaclara, Iria Rodríguez Iglesias, Salvador Santos Piñeiro, Gisela Pérez Porto, Jairo Martínez Ferradás, Marta Vidal Entenza, Paula Castro Castro, María Goberna Sanmartín e Lidia Durán Malvido. 
O deseño de Salvador Santos Piñeiro, alumno de 5º de primaria do CEIP  A Pedra, foi elixido polo xurado como imaxe da X Campaña de Educación Non Sexista do Concello de Bueu. O artista e membro do xurado José María Barreiro Gómez destacou o complicado de seleccionar os gañadores/as e mesmo describiu a todo o alumnado participante como “grandes artistas”.
Pechou o acto o alcalde de Bueu, Félix Juncal Novas, cun discurso no que destacou que esa desigualdade laborais efectivas que sofren moitas mulleres aínda no 2016. Juncal deu citou algunhas cifras do máis desalentadoras, como a de que a brecha salarial de xénero se sitúa no 24%, e de que a taxa de paro feminina é do 20% fronte ao 18% da masculina. Con todo, e ante as cifras pouco alentadoras, o edil declarou que “desde as administracións e desde a política temos que apoiar iniciativas que fomenten a reflexión e a capacidade crítica na defensa da igualdade, tarefa vital para un futuro máis xusto”. 
Ademais, o alcalde destacou unha vez máis o compromiso do goberno coas políticas sociais e a perspectiva de xénero, ao tempo que insistiu na importancia de fomentar a reflexión en torno a conceptos básicos desde as primeiras idades e durante todos os días do ano.

Os actos desta efeméride completaranse coa Gala da Igualdade de homenaxe ás costureiras que será o domingo ás 18 horas no Centro Social do Mar.