BUEU ACOLLE ESTE SÁBADO A VII BANDEIRA DE BATELES


Bueu acolle este sábado a partir das 16 horas a VII Bandeira de Bateles, organizada polo Concello de Bueu e o Club do Mar, e que se desenvolverá no peirao do muelle de Bueu.  Esta proba, que xa vén sendo unha proba clásica no calendario de regatas de Bateles da Zona Sur, e terá o formato de regata en liña, en quendas lanzadas na mesma categoría, cun minuto de intervalo, e con cinco minutos entre as distintas categorías. Así o anunciaron Manuel Juncal, presidente do Club do Mar, e Rufino Acuña, vicepresidente, que estiveron acompañados na rolda de prensa de hoxe polo alcalde, Félix Juncal, e polo concelleiro de deportes, Manolo Otero.
Nas probas tomarán a saída primeiramente as regatas de categoría feminina (Promesa feminina, Xuvenil feminina, e Absoluta feminina) e a continuación desenvolveranse as regatas de categoría masculina (Infantil masculino, Cadete masculino, Xuvenil masculino e Absoluto masculino).  En total, a directiva do Club do Mar agarda que se acheguen a participar sobre oitenta embarcacións, de trece clubes distintos, participando Bueu en tres categorías femininas e catro masculinas.
Como premios, establécense dúas bandeiras, unha para a categoría feminina e outra para a categoría masculina, para os clubes que acaden maior puntuación nas diferentes regatas de cada categoría. Ademais, este ano hai un sorteo especial, arredor das 18 horas para agasallar a un dos afeccionados cunha piragua de travesía valorada en 300 euros. O obxectivo deste sorteo é recadar fondos para acometer investimentos en material que está afrontando o Club, tales como a compra dun novo batel e unha nova palamenta para a traíña. 

O alcalde e o concelleiro de deportes quixeron reiterar o apoio ás actividades deportivas, e destacaron a importancia de que “o Club do Mar estea recuperando un deporte moi tradicional e con moita tradición en Bueu”. Desde a presidencia do Club do Mar destacan que “este tipo de regatas son unha boa forma de forxar a canteira dos clubes de remo, e son a base para ter remeiros de elite neste deporte”. Neste sentido falaron de que estas probas funcionan como “pedra de toque” para que os rapaces e rapazas vaian mellorando a súa técnica de cara a regatas importantes a disputar no mes de abril, tal e como son o Campionato Galego e co Campionato de España de bateis, que este ano se celebra en Meira.