Así transcurrió la jornada de la nueva lideresa del Bloque, Ana Pontón, a su paso por O Morrazo

Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, realizou sendas visitas oficiais aos concellos de Bueu e Moaña onde os gobernos locais  demostran que a formación nacionalista “ten proxectos abertos capaces de transformar e de mellor a vida das persoas desde os gobernos municipais”. 

A xornada na Comarca do Morrazo arrancou cun encontro coa equipa de goberno que preside Felix Juncal, onde a dirixente do Bloque escoitou as principais propostas e demandas que preocupan ao executivo local, coa inminente aprobación do plan xeral de ordenación municipal. Igualmente realizou unha visita á praza de abastos como referente da aposta por dinamizar a vida económica fomentando o comercio de proximidade, e á carpintería de ribeira de O Purro, para coñecer de primeira man o proxecto de rehabilitación que promove o Concello.
En relación a este proxecto de posta en valor do patrimonio local, a tamén deputada avanzou que o BNG vai presentar unha iniciativa no Parlamento de xeito inmediato para solicitar o apoio da Xunta á rehabilitación de O Purro, tanto pola vía de aportación   económica como pola inclusión futura deste espazo rehabilitado na rede museística galega, máxime cando se trata dunha edificación case contigua ao Museo Massó.
“A cultura é un ben estratéxico tamén no económico e imos presentar unha iniciativa no Parlamento reclamando a implicación da Xunta neste proxecto de rehabilitación, tanto desde o punto de vista económico como de cara a súa integración na rede museística”, adiantou a portavoz nacional en presenza do rexedor de Bueu. “A dinamización cultural e turística xoga un papel clave na reactivación dun concello”, subliñou.

Pontón tamén puxo en valor o PXOM, na recta final, “que implica un urbanismo ao servizo das persoas e non da especulación urbanística, un urbanismo sustentable para dar respostas ás necesidades de vivenda, de servizos públicos e de actividade económica”, salientou. “Queremos medrar, queremos que Bueu se desenvolva tamén desde o punto de vista urbanístico, pero con orden e sen renunciar a identidade do noso concello”, indicou Juncal.

A visita ao mercado municipal serviu á portavoz nacional do Bloque para destacar a aposta do goberno que preside Juncal “pola dinamización da economía local a través dos mercados locais, que xeran valor engadido aos produtores da comarca, e con gran capacidade para xerar emprego”.

Na visita a Moaña, a deputada coñeceu en detalle a política social que está a desenvolver o goberno local que lidera a alcaldesa Leticia Santos, en particular a través de programas que facilitan a conciliación laboral e familiar con especial protección ás familias con menos recursos, como o denominado Programa Madruga dotado con 23.000 euros.

“É un motivo de orgullo ver como a equipa de goberno está a desenvolver unha política inclusiva, que atende as necesidades das persoas, con programas pioneiros que deben ser exemplo para todo o país”. Pontón facía esta reflexión tras visitar coa alcaldesa o CEIP Reibón, o de maior número de alumnado de toda a comarca que, sen embargo, ten deficiencias que non son atendidas polo Goberno galego.

Choiva no Reibón
“Ten problemas de humidades e de goteiras, precisa ampliación da área de educación infantil”, indicou a deputada tras escoitar as explicacións do director do centro e da propia rexedora. “Imos levar o asunto á Cámara galega, porque os nenos e as nenas de Moaña teñen dereito a espazos educativos de calidade nun centro que reúna todas as condicións, e este centro precisa recursos da Administración para a súa reforma e ampliación”, explicou, “é unha cuestión xusta e urxente que debe ter unha partida reservada nos orzamentos deste mesmo ano e así o proporá o BNG no Parlamento”.

Neste sentido, a alcaldesa lamentou a desatención da Xunta ante as demandas das familias, “non estamos pedindo ningún luxo, senón falando de corrixir cuestións como humidades ou directamente de goteiras, sen que o conselleiro de Educación atenda a solicitude de reunión desta alcaldesa cando o que pretendo e trasladarlle as peticións dos pais e das nais”, denunciou Santos.

Na  visita a Moaña a portavoz nacional e a rexedora tamén se desprazaron á area da Xunqueira para coñecer os plans de  recuperación ambiental para este espazo natural do Concello. Pontón cualificou os gobernos locais de Bueu e Moraña “como un espello no que mirarse” e un exemplo do que o nacionalismo aporta para resolver os problemas reais da veciñanz

Xornada no Morrazo
A portavoz nacional tamén se desprazou ata Cangas onde mantivo un xantar de traballo cos responsables municipais e locais do Bloque, e concluíu a xornada de traballo na comarca cun encontro con representantes do sector pesqueiro de novo en Moaña, aos que trasladou os seus parabéns por ter conseguido a retirada do proxecto de lei de acuicultura, que primaba ás grandes multinacionais do sector fronte as produtores locais que, só en Moaña, dispoñen de medio millar de bateas. En todo caso, tanto Pontón como o portavoz parlamentario de Pesca, Daniel Rodas, tamén presente na xuntanza, trasladaron ao sector que o BNG “vai estar vixiante” desde a Cámara en relación a un proxecto retirado en pleno ano electoral, “tan prexudicial para a acuicultura extensiva e a pesca artesanal, básicas ambas na economía da comarca”.