22/3/16

AS VENDAS DO MARISQUEO EN GALICIA NO 2015 SUPERARON AS 7.400 TONELADAS CUNHA FACTURACIÓN DE MÁIS DE 66,5 MILLÓNS DE EUROS

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro responderon a diversas preguntas no Parlamento
AS VENDAS DO MARISQUEO EN GALICIA NO 2015 SUPERARON AS 7.400 TONELADAS CUNHA FACTURACIÓN DE MÁIS DE 66,5 MILLÓNS DE EUROS
Este valor económico foi un 14% superior ao acadado en 2014 e nestes resultados inflúen factores como o plan de recuperación de zonas improdutivas da Consellería do Mar, que permitiu recuperar preto de 8 millóns de metros cadrados
En relación coa parada temporal da actividade marisqueira nas zonas de libre marisqueo da ría de Arousa, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro aclarou que os bancos de marisqueo a pé non están afectados por este peche, xa que o seu sistema de explotación é diferente
En canto ao reparto da cota de xarda no sector do cerco, Juan Maneiro lembrou que recolle os acordos acadados entre os representantes dos distintos sectores e a Secretaría General de Pesca no mes de decembro de 2013 e tamén lembrou que, a pesar das queixas, o sector deixou de pescar 600 toneladas no 2015


O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, destacou hoxe no Parlamento que no 2015 as vendas do marisqueo en Galicia superaron as 7.400 toneladas e supuxeron unha facturación en primeira venda de máis de 66,5 millóns de euros. Este valor económico, subliñou, foi un 14% superior ao acadado en 2014.

Juan Maneiro explicou que os datos de facturación do ano pasado tamén son mellores que a media dos últimos cinco anos e atribuíu esta melloría a diferentes factores como “o plan de recuperación de zonas improdutivas que vén desenvolvendo a Consellería do Mar”. Esta acción, sinalou, contou entre o 2010 e o 2015 cunha inversión de case que 5 millóns de euros que permitiu acometer, xunto coas confrarías e agrupacións, un total de 170 proxectos que permitiron recuperar preto de 8 millóns de metros cadrados. Outros factores que citou o director xeral son a diminución da incidencia do furtivismo e o incremento dos permisos de marisqueo.

No caso do marisqueo a flote, o director xeral trasladou que as vendas acadaron máis de 4.500 toneladas e máis de 38 millóns de euros de facturación. Nesta modalidade, dixo, as vendas increméntanse en preto dun 29% en cantidade e nun 9,5% en importe respecto a 2014. En canto ao marisqueo a pé, subliñou o director xeral, o ano pasado facturou máis de 25 millóns de euros coas vendas de máis de 2.600 toneladas. Neste caso, a cantidade vendida aumentou en máis dun 14% e o importe en máis dun 15% con respecto a 2014. Ademais no total de vendas inclúese a categoría de outras vendas de bivalvos e percebe, que supuxeron máis de 350 toneladas cun valor económico de 3 millóns de euros.

Veda temporal do libre marisqueo en Arousa
En relación coa parada temporal da actividade marisqueira nas zonas de libre marisqueo da ría de Arousa, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, aclarou que son zonas xestionadas pola Consellería do Mar e que son de marisqueo a flote. Trasladou que, dada a afección desta veda para a viabilidade dunha parte do sector que ten unha dependencia da explotación dos bancos dos Lombos do Ulla, Cabío e Bohído, acordouse a habilitación de medidas económicas e de conservación dos recursos para os armadores e tripulantes que faenan nestes bancos.

Neste sentido, aclarou que os bancos de marisqueo a pé “non están afectados por este peche, xa que o seu sistema de explotación é diferente”. Polo tanto, subliñou, é falso que a actividade dos mariscadores de a pé da ría de Arousa estea parada, xa que non teñen establecida a veda temporal.

Cerco
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, respondeu a outra pregunta sobre as posibilidades de pesca de xarda para o sector do cerco. Juan Maneiro subliñou que o reparto “recolle literalmente os acordos acadados entre os representantes dos distintos sectores e a Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente no mes de decembro de 2013”. Engadiu ademais que da cota de xarda asignada aos barcos do cerco galegos no 2015, “quedaron sen pescar preto de 600 toneladas”. Tamén explicou que a Secretaría General de Pesca “está a facer as xestións oportunas para que, mediante intercambios con outros estados e outros mecanismos de flexibilidade, a cota de xarda do cerco para o ano 2016 acade cifras similares a do ano 2015”.

En canto á xestión da cota desta especie, Juan Maneiro, sinalou que “unha xestión conxunta do cerco galego permitiría maior flexibilidade na súa xestión” pero, advertiu, “estas decisións sobre a xestión das cotas asignadas a cada barco competen exclusivamente aos propietarios ou armadores de cada barco”. Neste sentido, puxo como exemplo o acordo acadado polo cerco no reparto de cota de xurelo para o 2016 coa mediación da Xunta. Froito deste labor de mediación, explicou, creouse un grupo de traballo no seo da Comisión Sectorial do Cerco do Consello Galego de Pesca co obxectivo de “acadar os acordos precisos para unha mellor xestión da pesqueira, acordos que de acadar a unanimidade, serán asumidos polo Goberno galego”, subliñou.

En relación aos expedientes abertos a manifestantes que participaron nas protestas deste sector, a secretaria xeral técnica, Isabel Concheiro, especificou que o Goberno galego non ten competencias en materia de mantemento e control da orde pública. Ademais, aclarou que “a Unidade de Policía Adscrita en ningún momento denunciou ou actuou en contra deste colectivo, xa que non se produciron incidentes relacionados coas competencias desta Unidade”. No suposto de existir denuncias, tanto de tipo administrativo como penal, que puideran afectar ao persoal deste colectivo de traballadores do cerco, engadiu, “o Goberno galego tampouco pode interferir nuns procedementos que lle son alleos e que ademais están contemplados na normativa vixente de ámbito estatal”.

Vehículo oficial do porto de Vilagarcía
Por outra banda, en canto ao uso do vehículo oficial da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Isabel Concheiro, aclarou que é do parque móbil estatal e subliñou que é falso que a presidenta deste organismo, Sagrario Franco, acudise nel á concentración en Pontevedra con motivo do pleno do concello do pasado 22 de febreiro. A secretaria xeral técnica explicou que a presidenta da Autoridade Portuaria de Vilagarcía se desprazou dende Vigo, con outras dúas persoas no vehículo particular dunha delas. É dicir, aclarou, “acudiu á concentración a título persoal e fixo uso dun día de permiso para asistir a este acto, polo que non fixo uso en ningún momento do vehículo oficial da Autoridade Portuaria, que só emprega para actividades relacionadas co desempeño do seu cargo”.