9/3/16

As universidades galegas e do norte de Portugal colaborarán coa Deputación para dinamizar a zona do Miño transfronteirizo

As seis universidades galegas e do Norte de Portugal colaborarán coa Deputación de Pontevedra para dinamizar a zona do Miño transfronteirizo. Así o asinaron hoxe a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o presidente da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER), Antònio Magalhães Cunha, nun acto protocolario no que se destacaron a importancia da fronteira co país veciño e da necesidade de traballar da man do talento universitario para executar proxectos que permitan un maior desenvolvemento económico, crecemento territorial e calidade de vida para os veciños da ribeira do Miño.
A presidenta Carmela Silva subliñou, en referencia á colaboración coas universidades, que "é preciso que as administracións exerzan a política vendo onde esta o talento, a capacidade de investigación e innovación e as ideas que permitan o desenvolvemento territorial e humano para elaborar plans de traballo que pasen das ideas aos proxectos e á realidade". Apuntou tamén que o río Miño ten potencialidades moi diversas que a Deputación está traballando para desenvolver "a través dun modelo de cooperación transfronteiriza no que creo profundamente".
O deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, sinalou que a FCEER é unha entidade sen ánimo de lucro que reúne ás universidades de Vigo, Compostela e A Coruña xunto ás de Minho, O Porto e Trás os Montes para desenvolver actividades, proxectos e candidaturas a programas de desenvolvemento, investigación e innovación no marco da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Lembrou que a día de hoxe a cooperación do FCEER coa Deputación xa é un feito, posto que os técnicos desas universidades traballaron nas candidaturas ‘Visit Río Miño' e ‘Smart Miño' que se presentaron recentemente para obter 7,5 millóns de euros de fondos do programa europeo Interreg V A-POPTEC.
"A colaboración coa FCEER debe aportar unha estratexia territorial que marque os obxectivos do Miño e impulsar o organismo de cooperación transfronteiriza que a Deputación quere poñer en marcha e cuxas bases se estableceron na ‘Declaración de Tui' asinada o pasado 13 de febreiro'", dixo Benítez. Ante estes obxectivos, aplaudiu a rede de colaboración coas seis universidades da Eurorrexión para favorecer relacións e realizar diagnoses e análisis territoriais sobre desenvolvemento do contorno da ‘raia', "xa que Pontevedra é a provincia coa fronteira máis poboada do estado con Portugal".
Pola súa banda, o presidente do FCEER e reitor da Univesidade do Minho lembrou que as universidades deben estar comprometidas coa cultura científica, pero tamén ter un compromiso co desenvolvemento do territorio no que están asentadas. "Só teremos un futuro brillante se axudamos a articular o territorio. É unha cuestión esencial, por iso estou moi satisfeito da sinatura deste convenio e de poder cooperar". Cunha explicou que as universidades galegas e do Norte de Portugal suman máis de 150.000 alumnos e 1.500 profesores que poñen o seu talento e capacidade á disposición da Deputación.