"ALFOMBRAS DO CORPUS DE BUEU" ELIXE O CARTEL DE MARCOS DIOS PARA SER A SÚA IMAXE OFICIAL DO 2016




A Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu reuniuse onte para decidir o cartel gañador que vai ser a imaxe do Corpus Christi de Bueu 2016. O xurado, composto por Silvia Carballo, concelleira de Promoción Económica e Turismo, Darío Campos, da representante da comisión de festas, e tres membros da Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu, presidida por Carmen Santos.
O cartel elixido corresponde a Marcos Dios Almeida, un veciño de Nigrán, que representa no seu deseño un barco similar ao do escudo do Concello de Bueu, facendo fincapé na esencia mariñeira da vila. Tal e como concibiu o autor na breve descrición da súa proposta “a textura trata de emular o efecto producido polos pétalos usados para confeccionar estas belidas alfombras florais”. Por iso, o xurado coincidiu en elixilo como imaxe oficial do Corpus deste ano, sobre todo porque “representa á perfección o espírito do Corpus buenense e das alfombras florais”, que era o obxectivo primordial deste concurso dotado con 300 euros, e que se escolleu entre un total de vinte e tres propostas, tal e como destacou Carmen Santos, presidenta da Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu.
A Asociación presenta para este ano unha extensa programación, que arrancará coa exposición de fotos antigas a partir do 15 de abril, e coas II Xornadas do Corpus, que se celebrarán no Museo Massó do 22 ao 24 do próximo mes. Así mesmo, o seu programa complétase coa festividade do Corpus e a confección das alfombras para os días 28 e 29 de maio. Tamén merece unha atención especial a participación da Asociación nas festas do Carme e na gala do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU).