26/3/16

ÁBRESE O PRAZO PARA A INSCRICIÓN NO CENSO DE VIVENDAS BALEIRAS DE GALICIA

É obrigatorio o rexistro das vivendas baleiras propiedade de entidades financeiras, filiais inmobiliarias e entidades de xestión de activos cando se atopen en concello de máis de 10.000 habitantes
O incumprimento da obriga de inscrición conlevará unha sanción de ata 3.000 euros por inmoble non rexistrado
Incorpórase a posibilidade de inscrición voluntaria para os inmobles desocupados propiedade dos concellos ou doutras administracións públicas
Tamén poderán inscribirse voluntariamente as vivendas baleiras propiedade de persoas e empresas en calquera municipio 

As entidades de crédito e as súas filiais inmobiliarias, así como as entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes da reestruturación bancaria, dispoñen dun prazo de seis meses para a inscrición das vivendas baleiras da súa propiedade no Censo de Vivendas Baleiras de Galicia, unha vez que o Decreto que as regula entrou en vigor pasado un mes dende a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 26 de febreiro.

A inscrición das vivendas no censo será obrigatoria para todas as vivendas baleiras que formen parte de edificios de tipoloxía residencial colectiva ou de complexos inmobiliarios situados en concellos de máis de 10.000 habitantes de Galicia, sempre que sexan propiedade de entidades de crédito, das súas filiais inmobiliarias ou das entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes da reestruturación bancaria, con independencia de onde se atope o domicilio social dos seus titulares. 

Para proceder á súa inscrición, a Xunta estableceu que as entidades propietarias dispoñen dun prazo de seis meses a partir de hoxe, cunha sanción de ata 3.000 euros por inmoble non rexistrado en caso de incumprimento da obriga de inscrición no prazo establecido.

Para as vivendas que se rematen ou se baleiren con posterioridade a partir da data de hoxe, establécese que a inscrición no Censo se realizará nun prazo máximo de oito meses desde a obtención da licenza de primeira ocupación ou desocupación da vivenda polo remate dun contrato de alugueiro ou a compra da mesma.

No Censo de Vivendas Baleiras poderán inscribirse de maneira voluntaria o resto de vivendas baleiras da Comunidade autónoma, sexan propiedade de persoas físicas ou xurídicas e independentemente do tamaño do concello onde se empracen, sen que exista ningún prazo para dita inscrición. 

Tamén se establece a posibilidade de que se inscriban de forma voluntaria as vivendas baleiras propiedade dos concellos e outras administracións públicas.


O Censo de Vivendas Baleiras de Galicia permitirá dispoñer de información adecuada en relación co estado de ocupación do parque de vivendas de Galicia co obxecto de realizar a planificación social da política de vivenda por parte da Xunta de Galicia.
  
A efectos do Censo, considéranse vivendas baleiras as que non sexan ocupadas polos seus propietarios ou non exista unha persoa usuaria que dispoña do correspondente título que lle dea dereito a súa ocupación.

Medidas
O Decreto polo que se crea o Censo de Vivendas Baleiras de Galicia inclúe as medidas que a Xunta de Galicia poderá adoptar para favorecer a ocupación das vivendas baleiras, que son:

1. O Goberno galego poderá impulsar a sinatura de acordos de colaboración co obxecto de destinar as vivendas inscritas no censo a atender a persoas afectadas por procedementos de execución hipotecaria ou por desafiuzamentos por impago de rendas de aluguer.

2. Ademais, o Executivo autonómico poderá mediar entre as persoas propietarias das vivendas baleiras inscritas e as persoas demandantes de vivenda, coa fin de favorecer a súa ocupación, facilitando fórmulas de concertación de arrendamentos ou adquisición. Para tal fin, as vivendas baleiras inscritas propiedade das entidades de crédito, e das súas filiais inmobiliarias e das entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes da reestruturación bancaria e, sempre que se axusten aos prezos máximos establecidos para as vivendas protexidas, poderán ser ofertadas polo seu propietario á Xunta para a súa adxudicación a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto en aluguer como en venda.


3. Así mesmo, co previo consentimento dos propietarios as vivendas inscritas no censo poderán ser utilizadas nos programas de fomento do aluguer que desenvolva a Xunta ou as administracións locais.