29/3/16

A XUNTA XA ACTIVOU PRETO DO 70% DAS INICIATIVAS DA AXENDA DA COMPETITIVIDADE GALICIA-INDUSTRIA 4.0



O conselleiro de Economía, Emprego e Industria avalía nunha reunión coa entidade os avances do Goberno galego na implantación da fábrica intelixente como ferramenta clave para gañar competitividade, fixar tecido industrial e xerar novos empregos cualificados 
Resalta a activación de medidas no eido da innovación, o asesoramento e o financiamento, con proxectos como a nova Business Factory Auto posta en marcha xunto a Ceaga e PSA
Resalta a orientación da Axenda de Emprego cara ao tecido industrial, poñendo en marcha Unidades de Formación na Empresa e Lanzadeiras de Emprego, e dando un pulo especial á FP Dual

Conselleiro Conde, en el centro de la imagen
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, analizou hoxe xunto aos membros do Foro Económico de Galicia os avances levados a cabo pola Xunta no impulso á modernización do tecido industrial da comunidade, subliñando que un ano despois da posta en marcha da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, xa se activou preto do 70% das medidas previstas nesta folla de ruta para os primeiros 24 meses. “Incluso temos sumado máis medidas das previstas inicialmente”, destacou o conselleiro, que salientou o papel que está a xogar a Axenda “na fixación e consolidación do nosos tecido industrial”, dixitalizando a economía galega para “responder a un mercado cada vez máis esixente e globalizado”.

Conde resaltou a activación de medidas de apoio á innovación, ao emprendemento industrial, ao financiamento e ao asesoramento ás empresas con obxecto de respaldar a adopción das tecnoloxías da Industria 4,0 e apuntalar a competitividade do tecido fabril galego. No primeiro eido, salientou o Concurso de Ideas Industria 4.0, que permitirá poñer en marcha 4 proxectos demostrativos de novas tecnoloxías para implantar nas pemes galegas, así como o impulso ao aeronáutico co polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Rozas, que se suman a outras iniciativas innovadoras como o Naval 4.0, que está a canalizar a investigación dos estaleiros en ámbitos como a robotización ou a virtualización. 

De cara a reforzar o emprendemento industrial, o conselleiro destacou os beneficios da implicación das principais multinacionais tractoras e as pemes. Neste senso, resaltou o impacto que terá a posta en marcha da primeira Business Factory sectorial, creada pola Xunta, PSA Peugeot Citroën e Ceaga para impulsar o emprendemento innovador industrial no sector da automoción. Con respecto ás pemes industriais, o conselleiro puxo o foco sobre a activación de novas aceleradoras no rural, xunto á EOI, que se suma ao lanzamento do novo plan de viveiros industriais.

De forma paralela a este traballo, Conde referiuse ao esforzo que está a facer o Goberno galego para apuntalar o financiamento, canalizando fondos europeos e contribuíndo, por exemplo, a financiar proxectos de eficiencia enerxética na industria, así como impulsando a captación de grandes investimentos tractores maiores de 50 millóns de euros coa Iniciativa Captación de Investimentos 4.0, mediante a que a Xunta financiará ata o 40% destes proxectos estratéxicos.

Por último, no eido do asesoramento e apoio ás compañías galegas, o conselleiro referiuse ao traballo para amosar as empresas “ónde están as súas capacidades de mellora”, un esforzo que se canalizará a través de iniciativas como o programa ReAccionaTIC, que asistirá ás compañías para impulsar a conversión cara a fábrica intelixente. Toda esta batería de medidas, resaltou o conselleiro, amosa unha “aposta clara pola industria e o emprego”.  

Ese esforzo multinivel, indicou Conde, contribúe cara ao cumprimento dos obxectivos da Axenda, que busca incrementar o peso da industria no PIB ata o 20%, creando 50.000 novos empregos, e adaptando o tecido fabril galego á revolución que supón a chegada da fábrica intelixente.

Axenda de Emprego

Na mesma liña de impulso ao emprego, Conde trasladou ao Foro Económico os detalles da nova Axenda de Emprego, unha folla de ruta que busca reducir o desemprego ata o 10%. Para acadar esa meta, a Axenda conta con 180 millóns anuais, e Conde sinalou que terá moi en conta a preparación da forza laboral da comunidade para a fábrica intelixente, con ferramentas como as Unidades de Formación na Empresa, as Lanzadeiras de Emprego, ou un pulo especial á FP Dual.