A XUNTA PROMOVE A SEMANA SANTA DE GALICIA CUNHA CAMPAÑA DE ÁMBITO NACIONAL

Unha audiencia potencial de 30 millóns de españois puido recibir as mensaxes desta acción publicitaria desenvolvida por Turismo de Galicia
O departamento de Turismo da Xunta centrou esta campaña na gastronomía e as celebracións de interese turístico ademais dos recursos naturais e culturais da Comunidade galega

Santiago, 21 de marzo de 2016.- Dentro da campaña publicitaria xeral para a promoción dos recursos naturais e culturais do turismo de Galicia ao longo do ano 2016, a Xunta ven de desenvolver a correspondente á Semana Santa, unha acción de difusión que achegou os valores turísticos galegos a unha audiencia de 30 millóns de cidadáns españois.

Deste xeito, nos días previos á celebración deste período vacacional, xusto cando boa parte dos viaxeiros decidían o seu destino, o departamento de Turismo da Xunta programou esta acción publicitaria nos medios de comunicación nacionais, con reforzo nas comunidades limítrofes e o propio territorio galego.

En canto ás mensaxes, para promover o destino Galicia en Semana Santa, Turismo de Galicia centrou as mensaxes publicitarias na gastronomía –segunda motivación dos viaxeiros para achegarse ata Galicia- e as festas de interese turístico máis destacadas desta época.

Ademais, parte das creatividades da campaña incluíron mencións ao patrimonio cultural e natural da Comunidade galega, con referencias a actividades que se poden desenvolver en contacto coa natureza no territorio galego.

Medios e cobertura
Esta acción publicitaria desenvolveuse nos principais medios escritos, radiofónicos e da Internet no ámbito nacional e autonómica no caso de Galicia, Asturias e Castela e León.

En canto á creatividade, nos medios de comunicación escritos, empregáronse dous orixinais relacionados coa gastronomía e as celebracións de interese turístico internacional específicas da Semana Santa galega, mentres que nos medios radiofónicos, as cuñas, ademais de incluír estes dous aspectos, fomentaron as actividades de contacto coa natureza e a cultura.

Polo que respecta á Internet, a campaña incluíu o formato dixital dos xornais con cobertura nacional, todos os galegos e os de meirande audiencia en Asturias e Castela e León. Neste caso, as creatividades enlazaron coa páxina web de Turismo de Galicia, onde os internautas puideron acceder tanto á oferta turística específica de Semana Santa como á global.

Está previsto que esta campaña teña continuidade máis adiante para promover Galicia como destino turístico nas pontes de primavera e poida contar cunha oleada cara a difundir os valores turísticos de Galicia no verán. Ademais, como medio para promover a desestacionalización turística na Comunidade galega, tamén se prevé unha  para o outono.

Produtos de tempada
Ademais desta acción, Turismo de Galicia tamén puxo en marcha unha campaña de publicidade específica entre os meses de febreiro e marzo para promover entre os galegos o produto turístico a Ruta da camelia, coincidindo coa época de floración.

Así, durante a segunda quincena de febreiro e ata o 18 de marzo, o departamento de Turismo da Xunta desenvolveu unha acción de difusión nos medios de comunicación de Galicia ao obxecto de incentivar as visitas a estes xardíns e ás súas contornas, que inclúen pazos e outros edificios históricos.