8/3/16

A XUNTA MANIFESTA A SÚA COLABORACIÓN PARA QUE OS MARIÑEIROS GALEGOS EMBARCADOS EN BUQUES FRANCESES POIDAN SEGUIR COTIZANDO EN ESPAÑA

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, manifestou esta tarde no Parlamento en relación aos mariñeiros e armadores galegos que traballan en buques con bandeira francesa, que a Xunta “adoptou dende que tivo coñecemento unha posición activa para acadar a sinatura dun convenio que defenda da mellor maneira posible os intereses dos mariñeiros galegos” e que permita que estes profesionais poidan seguir cotizando en España.

Este convenio sería de carácter bilateral entre o Estado español e o francés e deberá ser asinado por parte do Instituto Social da Marina, xa que, aclarou a secretaria xeral, “o goberno central é o único con competencias nesta materia, a través do ISM”. Neste sentido, sinalou que este organismo está a manter reunións co seu homólogo francés -o ENIM- e tamén cos armadores. 

Así e todo, a secretaria xeral sinalou que a Xunta tivo coñecemento da situación destes profesionais galegos en outubro de 2015 e “é consciente da súa importancia, tanto para os mariñeiros, como para os armadores e incluso para o propio Estado español”. De feito, explicou, dende o primeiro momento “a Xunta adoptou una postura activa en defensa dos intereses de armadores e mariñeiros” e a Consellería do Mar mantivo reunións co ISM e cos propios armadores para poder analizar en profundidade a situación e coñecer o alcance das medidas postas en marcha polo Goberno Central. 

Ademais, explicou Isabel Concheiro, logo de realizar diversos contactos, o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou a súa preocupación polo tema e solicitou formalmente a través de carta á Ministra de Emprego e Seguridade Social en funcións, Fátima Bañez, o seu interese. 
Microplásticos e ecosistemas mariños
En relación a unha pregunta sobre os microplásticos e os ecosistemas mariños, a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, destacou que as unidades de contaminación química do centro teñen unha grande experiencia na determinación de contaminantes orgánicos persistentes. Estas substancias forman parte dos aditivos que se engaden aos plásticos.  

De feito explicou que entre 2010 e 2013 o persoal do Intecmar traballou coa Universidade de Vigo e a de Santiago de Compostela nun proxecto concedido pola Consellería de Economía e Industria por importe de máis de 122.000 euros e denominado Avaliación da ecotoxicidade, bioacumulación e presenza no medio mariño de Galicia de diferentes grupos de contaminantes emerxentes.  

A raíz da participación neste proxecto, sinalou Covadonga Salgado, o centro optimizou un método de análise de contaminantes emerxentes e levou a cabo máis de 110 mostras de moluscos (mexillón de batea, mexillón de rocha, ameixas e berberechos) con frecuencias trimestrais e semestrais en 18 puntos do litoral galego. Estes datos, explicou, “forman parte da base de datos do INTECMAR e permiten coñecer os niveis de referencia nas rías galegas dos contaminantes emerxentes e dalgúns que non sendo tan recentes nunca foran analizados nas mostras de molusco bivalvo procedente de Galicia”.

Engadiu ademais que o centro ten concedido un proxecto do Plan Nacional do Ministerio de Economía e Competitividade con socios da Universidade do País Vasco, Universidade de Baleares e a Universidade de Santiago. Esta iniciativa, denominada co acrónimo EMERCONFO, ten como obxectivo avanzar na priorización dos contaminantes emerxentes para levar a cabo a súa monitorización e avaliación dos riscos. O proxecto é de tres anos de duración (ata agosto de 2018) e conta cun orzamento de 20.000 euros.

Helicóptero de Cee
Por outra banda, o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, explicou que o helicóptero de Salvamento Marítimo do Ministerio de Fomento que estaba destinado na base de Ruíbo, no concello coruñés de Cee, “actualmente opera dende o aeroporto de Santiago de Compostela, con operatividade próxima ao 98% e niveis de seguridade propios dun aeroporto internacional”. Isto é, explicou segundo indica Sasemar, porque o tempo demostrou a baixa operatividade do servizo que se ofrecía dende Cee e porque a orografía e meteoroloxía da zona compromete a seguridade dos tripulantes dos helicópteros. Aclarou ademais que o servizo que presta este helicóptero desde Santiago “está destinado exclusivamente ás augas do litoral galego”.


Neste sentido, dixo Lino Sexto, ningunha comunidade autónoma do Estado español dispón de equipamento que ten Galicia, tanto en helicópteros de salvamento marítimo como en embarcacións de rescate”. En relación aos medios aéreos destacou que Galicia dispón de 4 helicópteros de salvamento marítimo operativos e un de substitución. Dos operativos dous son da Xunta de Galicia, un con base en Celeiro (Viveiro) e outro con base en Vigo.