A XUNTA LEVOU A CABO DESDE 2010 PRETO DE 400 ACCIÓNS FORMATIVAS DIRIXIDAS A 10.000 COIDADORES NON PROFESIONAIS DE PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENDENCIA

Xa se pode consultar na páxina web o Manual de pautas de coidado e estimulación no fogar de menores en situación de dependencia

Ao longo destes seis anos elaboráronse o Manual básico de formación para persoas coidadoras de persoas en situación de dependencia, a Guía para coidados no contorno familiar, o Manual especializado para os coidadores de persoas con demencia, o Manual especializado para os coidadores de persoas con enfermidade mental, o Manual de formación para os coidadores non profesionais de persoas con enfermidades crónicas e mais o Manual de formación para persoas usuarias da prestación de asistencia
A Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social levou a cabo desde 2010 preto de 400 accións formativas na meirande parte dos concellos de Galicia dirixidas a 10.000 coidadores e coidadoras non profesionais de persoas en situación de dependencia. O obxectivo do Goberno galego a través destas accións é a mellora do servizo e da atención que prestan os coidadores dándolles información, formación e apoio que permitan os mellores coidados posibles segundo as características e situación do dependente. Do mesmo xeito procúrase que esta formación sirva de ferramenta na atención dirixida ás persoas en situación de dependencia e facilite a súa futura inserción laboral.

Ao abeiro deste programa de formación non formal, a Consellería de Política Social elaborou ao longo destes seis anos distintos manuais para os coidados dos colectivos que se atopan en situación de dependencia. Entre eles destacan o Manual básico de formación para persoas coidadoras de persoas en situación de dependencia (elaborado coa Sociedade Galega de Médicos Xerais e de Familia), a Guía para coidados no contorno familiar, o Manual especializado para os coidadores de persoas con demencia (elaborado coa Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzhéimer FAGAL), o Manual especializado para os coidadores de persoas con enfermidade mental (elaborado coa Federación de Persoas con Enfermidade Mental Feafes Galicia), o Manual de formación para os coidadores non profesionais de persoas con enfermidades crónicas (elaborado coa Sociedade Galega de Médicos Xerais e de Familia) e mais o Manual de formación para persoas usuarias da prestación de asistencia (elaborado coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade COGAMI).

A Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, desenvolve dende o ano 2010 o  Programa ‘Xuntos nos coidados’ no marco da actuacións de apoio ás persoas coidadoras  no contorno familiar que incide especialmente no coñecemento, adestramento en habilidades e o desenvolvemento de actitudes adecuadas para o coidado de persoas en situación de dependencia. A demanda de coidados para persoas con condicións de saúde que supoñen situacións de especial vulnerabilidade tense incrementado nos últimos anos. A magnitude destes problemas fai necesario multiplicar e diversificar as fontes de información que permitan coñecer mellor a enfermidade e, sobre todo, a forma máis adecuada de abordar os seus coidados. Coa finalidade de facilitar o traballo das coidadoras e coidadores, neste ano 2016 e a través do programa ‘Xuntos nos Coidados’, desenvólvese un manual específico dirixido a persoas coidadores de menores en situación de dependencia, co obxectivo de transmitir coñecementos útiles -autocoidado, medidas hixénico-dietéticas, habilidades persoais e comunicativas, identificación de factores de risco, ou prevención das situacións de dependencia- que contribuirán a mellorar a calidade de vida e a autonomía persoal tendo en conta a situación individual de cada colectivo. 

O manual de formación ten por finalidade dotar aos coidadores dos recursos necesarios para axudarlles a facer fronte ás diversas problemáticas ás que se teñen que enfrontar no seu día a día, así como dotalos de técnicas e ferramentas orientadas a axudar e favorecer o desenvolvemento persoal e a potenciación das habilidades do menor, na busca de acadar as maiores cotas de autonomía persoal. Coa elaboración e publicación deste manual, que xa se pode consultar na páxina web, contribúese á mellora da calidade dos coidados e da prestación de servizos de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia. O manual aborda cinco puntos fundamentais que son ‘A atención integral á diversidade funcional’, ‘Pautas de coidado e estimulación no ámbito familiar’, ‘Produtos de apoio’, ‘A intervención psicolóxica’ e ‘Apoios sociais’.

Outras accións en prol dos coidadores
Ademais da publicación de manuais de formación e a execución de cursos e programas de formación, leváronse a cabo outras actuacións en prol dos coidadores e coidadoras non profesionais de persoas en situación de dependencia. Deste xeito, ao longo destes anos asinouse un convenio de colaboración coa USC, a través dos  Departamentos de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía e o Departamento de Psiquiatría, Radioloxía e Saúde Pública para investigar a eficacia de dous tratamentos psicolóxicos breves para reducir o risco de depresión en mulleres coidadoras de persoas dependentes, e así previr a aparición ou agravamento de situacións de dependencia das persoas coidadoras.

Asemade, desde o ano 2011 en colaboración coa Consellería de Sanidade, está en marcha a instrumentación dun apoio continuo de atención telefónico aos coidadores non profesionais de persoas en situación de dependencia  a través do teléfono 902 400 116 que ten como obxectivo prestar información e solucións ás situacións sanitarias non urxentes, información sobre coidados asistenciais, información sobre as características das probas médicas, información sobre prevención e hábitos saudables, información sobre centros e servizos sanitarios así como apoio psicolóxico.

Ao mesmo tempo, no ano 2011, púxose en marcha un servizo de información a través do 012 específico en materia de dependencia, a través do cal se pode consultar información xenérica en relación co sistema, ademais de solicitar información concreta sobre cada tramitación do expediente, co que se pretende proporcionar unha maior e mellor información ao cidadán.


Durante o ano 2016 o programa ‘Xuntos nos Coidados’ continuará co desenvolvemento de 7 cursos formativos piloto  dirixidos especificamente a coidadores de persoas en situación de dependencia menores de idade, coa continuación de cursos de seguimento e reforzo  da formación de persoas coidadoras de persoas en situación de dependencia con demencia (17 cursos) e coa continuación da creación e dinamización de grupos de autoaxuda (10 grupos).