A XUNTA IMPULSA O PROTOCOLO DE PROTECCIÓN DE DATOS, UNHA GUÍA DE REFERENCIA PARA OS CENTROS ESCOLARES

El conselleiro de Educación presentando la iniciativa
O documento aborda unha serie de pautas dirixidas a toda a comunidade educativa, co fin de gozar de maior seguridade xurídica na xestión e tratamento de datos persoais
Céntrase, sobre todo, nas dúbidas máis frecuentes manifestadas por directores e docentes sobre cuestións como a utilización de imaxes ou o emprego de cámaras de videovixilancia, entre outros

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de ultimar o Protocolo de protección de datos persoais, unha guía de referencia para os centros escolares a través da cal se busca dar resposta ás dúbidas máis frecuentes nesta materia ás que se enfrontan directores e docentes, e que atinxen principalmente a cuestións como o tratamento de imaxes, a xestión dos datos persoais en caso de proxenitores non unidos por vínculo matrimonial ou análogo, a utilización de cámaras de videovixilancia e a cesión de datos.

O documento -que lle foi entregado aos membros do Consello Galego da Convivencia celebrado hai uns días, para que acheguen as aportacións que consideren- aborda un conxunto de pautas concretas e claras dirixidas a toda a comunidade educativa, de xeito que se lles outorgue unha maior seguridade xurídica a todos os axentes implicados na xestión e tratamento de todos os datos persoais. Así mesmo, incorpóranse unha serie de anexos con modelos de cláusulas de información e autorización para o tratamento de datos, que poderán ser utilizados por todos os centros. 

Seguindo os preceptos marcados pola Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, o Protocolo impulsado pola Consellería de Cultura e Educación lembra que a protección de datos está suxeita ao principio de información e de consentimento. Non obstante, establece unha diferenciación entre os menores de 14 anos (cuxa utilización de datos require do consentimento dos pais ou titores) e dos maiores de 14 (que poden dar directamente o seu consentimento). Así mesmo, explicítase que, a través do menor, nunca se pode obter datos persoais dos seus proxenitores ou doutros membros da unidade familiar e, está expresamente prohibido recadar do alumando datos sobre a situación laboral dos seus pais. 

Tratamento imaxes e cámaras de videovixilancia
Dado que a imaxe é un dato de carácter persoal, que ademais goza dunha especial relevancia e protección lexislativa, o Protocolo pretende dar resposta ás dúbidas máis frecuentes no que atinxe ao uso de imaxes en páxinas web e blogues dos centros –que sempre deberán contar co consentimento expreso do afectado se é maior de 14 anos, ou dos seus proxenitores para os menores de 14. Lémbrase que nestes casos o consentimento non pode ser xenérico, senón que haberá que recadarse para cada fin concreto.

No caso dos sistemas de videovixilancia, estes deben colocarse sempre respectando os dereitos dos usuarios do centro e atendendo á súa finalidade de garantir a seguridade. É dicir, non se deben instalar cámaras nas aulas, nos aseos, vestiarios ou ximnasios, por exemplo. 

Información aos proxenitores
Un dos aspectos que máis dúbidas suscitan é o dereito á información dos proxenitores non unidos por vínculo matrimonial ou análogo. Para tal fin, o Protocolo inclúe unha serie de consideracións partindo de que ambos proxenitores, a non ser que se atopen xudicialmente privados da patria potestade, teñen dereito a recibir información sobre o proceso educativo do seu fillo ou filla. A modo de exemplo, o centro deberá facilitar a ambos información sobre as cualificacións escolares do alumno en cuestión, informe psicopedagóxico, calendario escolar, programas de actividades, relación de ausencias non xustificadas  entre outros. 

A maiores, o Protocolo recolle moitas outras especificacións relativas aos ficheiros de carácter persoal xestionados pola Consellería, á comunicación de datos a outras administracións públicas ou institucións, a datos do persoal docente e non docente dos centros, ao deber de sixilo e confidencialidade, ou ás consideracións respecto ás Anpas.


O Protocolo de protección de datos persoais (que tamén conterá un apartado sobre identidade dixital, no que se está traballando) enmárcase dentro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, e súmase a outros protocolos posto en marcha pola Consellería de Cultura e Educación como os de Atención Educativa Domiciliaria, de Urxencias Sanitarias, de Acoso e Ciberacoso, de Absentismo Escolar, de TDAH u de TEA. Todos eles teñen como finalidade de dar apoio aos centros, aos docentes e ás familias con documentos e guías específicas.