11/3/16

A XUNTA IMPULSA CON 6,3 MILLÓNS DE EUROS UN PLAN DE EMPREGO E FORMACIÓN PARA A INCORPORACIÓN DE MOZOS Á PESCA COSTEIRA ARTESANAL



  • Esta é unha das cinco medidas fundamentais do Plan de Acción da Pesca Costeira Artesanal de Galicia que a Consellería do Mar porá en marcha este ano ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) 2014-2020 e que prevé beneficiar a uns 75 mozos e mozas cada anualidade
  • Outra das medidas consiste en priorizar a frota costeira artesanal nos procesos de concorrencia competitiva das axudas do FEMP
  • No eido ambiental, o plan busca reactivar as instalacións de produción de semente de bivalvos para atender as demandas do sector da man das propias confrarías 
  • No ámbito económico propón plans de mellora da comercialización dos produtos do marisqueo e avanzar na identificación e distinción dos nosos produtos dando un impulso ás marcas de calidade e denominacións de orixe
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou esta mañá no Forum Europa-Tribuna Galicia as liñas de aposta do seu departamento para a Galicia mariñeira. Neste sentido, sinalou que a pesca de baixura e o marisqueo son eidos clave “nos que está unha boa parte do noso futuro mariñeiro” e que neses eidos a Consellería do Mar centra o Plan de Acción da Pesca Costeira Artesanal de Galicia que porá en marcha este ano ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) 2014-2020. 

Este plan ten cinco medidas fundamentais que inclúen os eidos social, económico e ambiental. A primeira delas é un plan de emprego e formación para fomentar a incorporación de mozos e mozas ao eido pesqueiro e marisqueiro que conta cun apoio de 6,3 millóns de euros e que prevé beneficiar a uns 75 mozos e mozas cada anualidade. Un plan, destacou a conselleira, que “xere remuneración pola formación a bordo de embarcacións de pesca de baixura.” Así, busca fomentar o emprego xuvenil no sector pesqueiro combinando a actividade laboral con formación. Esta medida xestionarase a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria xunto coa Consellería do Mar como organismo intermedio de xestión.

A segunda das medidas deste plan, explicou a titular de Mar, consiste en priorizar a frota costeira artesanal nos procesos de concorrencia competitiva das axudas do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). Farase establecendo unha puntuación específica e diferencial para ese segmento de frota e priorizándoa en caso de empate. Isto permitirá á frota de baixura “ter un acceso preferencial aos 158 millóns de euros do Eixe do Fomento da Pesca Responsable, ou o que é o mesmo, ao 35% dos fondos dispoñibles para todos os sectores produtivos marítimos”, puntualizou Rosa Quintana.

A terceira das medidas do plan ten que ver co eido medioambiental e consiste na reactivación e promoción das instalacións de produción de semente de bivalvos, xerando suficientes unidades de ameixa fundamentalmente. O obxectivo que persegue, subliñou a conselleira, é “atender as demandas do noso sector, facéndoo da man das propias confrarías e das súas federacións e conseguindo fondos procedentes do eixe da acuicultura do FEMP”. 

No ámbito económico e como cuarta medida, o Plan da Pesca Costeira Artesanal propón á súa vez plans de mellora da comercialización dos produtos do marisqueo atendendo a recursos como o ourizo, o percebe ou a navalla para que sexan “outra fonte engadida de ingresos para a nosa xente do mar”. Tamén busca como quinta medida, engadiu Rosa Quintana, avanzar na identificación e distinción dos nosos produtos dando un impulso ás marcas de calidade como pescadeRías e ás denominacións de orixe. Estas medidas financiaranse a través do eixe de mellora da comercialización do FEMP, que permitirá aproveitar unha parte importante dos 95 millóns de euros destinados a revalorizar os nosos produtos nos mercados. 

O resto das medidas que contempla o plan, engadiu a titular de Mar, buscan a mellora da nosa estrutura de frota con accións de avance na eficiencia enerxética, na habitabilidade e seguridade a bordo e na conservación das capturas.

Outros ámbitos 
Ademais das accións dirixidas á pesca de baixura e ao marisqueo, a conselleira destacou a intención da Xunta de “soster a ilusión polo mar en todos os eidos”. Así, no eido da pesca litoral e de altura, “o noso principal cabalo de batalla” é o de dispor de maiores cotas. Por iso, para acadar esta premisa, dixo, a Xunta seguirá compartindo co Goberno do Estado e doutras comunidades autónomas “os mellores argumentos” para defendelos en Bruxelas como viñemos facendo ata o de agora. Isto permitiu incrementar dende o ano 2009 nun 14% as cotas das especies que capturan os barcos de baixura ou nun 56% as cotas para as embarcacións do cerco. 

No eido da acuicultura, en relación ao borrador de lei anulado, reiterou o compromiso da Xunta e lembrou que non se realizará ningún labor que poida prexudicar ao sector. “Non queremos nin podemos gobernar de costas ao sector e sen contar coa súa comprensión”, subliñou a conselleira. 

En canto á industria transformadora e comercializadora apelou a seguir coa aposta pola libre competencia nos mercados en igualdade de condicións. “Tampouco nos rendemos na batalla contra a pesca ilegal, onde estaremos sempre do lado dos que legalmente traballan”, advertiu.  


No ámbito portuario destacou a importancia de aproveitar os portos como verdadeiros polos de desenvolvemento, loxísticos e produtivos, “facendo da coordinación das estratexias entre autoridades portuarias unha clave para captar e afianzar tráficos e actividades”.