9/3/16

A XUNTA E O COLEXIO DE ARQUITECTOS COLABORARÁN PARA CONVOCAR EN ABRIL O CONCURSO DE IDEAS QUE CONCRETE O PROXECTO DA CIDADE DA XUSTIZA DE VIGO NO ANTIGO HOSPITAL XERAL

A Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia asinarán nos próximas días un convenio de colaboración co obxectivo de poder convocar no vindeiro mes de abril o concurso de ideas que concrete o proxecto de reforma do antigo Hospital Xeral de Vigo na Cidade da Xustiza de Vigo. En concreto, esta colaboración levarase a cabo a través da delegación de Vigo dos arquitectos.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha reunión en Vigo co decano do Colexio, Antonio Maroño, xunto co delegado territorial da Xunta, Ignacio López Chaves, na que  concretaron os detalles desta colaboración que supón unha achega de 6.000 euros por parte da Xunta e o apoio na difusión, a colaboración técnica coa Xunta e orientación aos participantes por parte dos arquitectos. 

A Xunta está a dar todos os pasos para que o edificio do antigo Hospital Xeral pase a ser a Cidade da Xustiza de Vigo e que canto antes se poidan iniciar as obras co obxectivo de que en 2019 poidan estar executadas. 

Cómpre lembrar que o acordo coa Seguridade Social –propietaria do edificio- é total e está previsto que nos próximos días se asine un protocolo coa ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, para que quede ratificado.

Ademais, a Xunta xa aprobou en Consello a reversión do inmoble á Seguridade Social, salvo un dos anexos, que seguirá destinado a usos sanitarios. Agora, a Seguridade Social deberá ceder a explotación do edificio de novo á Xunta, para destinalo a usos xudiciais. 

Este proxecto conta cun posicionamento favorable tanto por parte dos axentes xudiciais: xuíces, fiscais, procuradores, avogados, secretarios e xunta de persoal; como dos comerciantes e asociacións da zona, dos arquitectos, do Concello de Vigo e da Tesourería da Seguridade Social, propietaria do edificio.


A viabilidade da proposta está constatada desde o punto de vista legal, técnico, estrutural e económico e presenta numerosas vantaxes. Daríaselle uso a un edificio emblemático, que contribuiría a dinamizar a cidade e concentraríase nun só edificio e no centro de Vigo toda a actividade xudicial, dotando á administración de xustiza dunhas instalacións de grande nivel. Ademais, permitiría gañar espazo respecto ao proxecto actual  e probablemente estaría en funcionamento nun prazo máis breve do tempo.