28/3/16

A XUNTA DESTACA QUE A "AXENDA 20" PARA O EMPREGO REFORZA OS INCENTIVOS AO COOPERATIVISMO E IMPULSA A COMPETITIVIDADE DO SECTOR



O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza coas asociacións de cooperativas máis representativas de Galicia para presentarlles a nova planificación en materia laboral 
Salientou que a Xunta inviste este ano 5,4 millóns de euros en axudas para fomentar a Economía Social entre as que destacou o Programa Aprol para promover con preto de 3 millóns a contratación neste sector   
A nova folla de ruta inclúe apoios específicos para os menores de 30 anos e para a posta en marcha de proxectos de colaboración empresarial en eidos como I+D+i, comercialización e internacionalización 
Conde lembrou que o Goberno galego está a ultimar a Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020 que busca incrementar o tamaño das cooperativas para dotalas dunha maior capacidade industrial e loxística 
A reunión enmárcase na rolda de contactos que está a manter o titular de Economía para informar sobre a estratexia da Xunta  e escoitar as achegas dos principais colectivos sociais e económicos 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo en Santiago unha xuntanza coas asociacións máis representativas do sector do cooperativismo en Galicia para informarlles sobre a Axenda 20 para o Emprego e escoitar as súas achegas. 

Na reunión, que se enmarca na rolda de contactos que está a manter Conde cos principais axentes sociais e económicos da Comunidade para darlles a coñecer a nova planificación da Xunta en materia laboral, o titular de Economía explicou que esta folla de ruta reforza os incentivos ao cooperativismo e impulsa a competitividade e internacionalización do sector. O que se pretende é incrementar o tamaño das cooperativas para dotalas dunha maior capacidade industrial e loxística que lles axude a competir. 

Deste xeito, a Xunta destina este ano 5,4 millóns de euros para fomentar a Economía Social con diferentes liñas de axudas entre as que a Axenda 20 para o Emprego inclúe o Programa Aprol para promover a contratación do sector con preto de 3 millóns de euros. 

Esta iniciativa contén, entre outros, axudas ás cooperativas e sociedades laborais que incorporen persoas sociais traballadoras e incentivos para a posta en marcha de novos proxectos e específicos para menores de 30 anos para fomentar o cooperativismo xuvenil. Tamén inclúe apoios para os programas de integración e intercooperación para poñer en marcha proxectos entre entidades de Economía social e de colaboración empresarial en eidos como I+D+i, comercialización ou internacionalización.  Así mesmo, Conde indicou que as cooperativas poderán beneficiarse do programa de microcréditos para microempresas. 

“Coa nova planificación buscamos apoiar ás cooperativas para que poidan gañar tamaño, innovar e abrirse a novos mercados”, subliño Conde. Neste senso, lembrou que o Goberno galego está a ultimar a Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020, que inclúe un total de 87 medidas co obxectivo de potenciar a competitividade e internacionalización deste sector que ao longo da crise económica demostrou a súa fortaleza e solidez e seguiu crecendo. A previsión é que este documento se aprobe no primeiro semestre deste ano para fomentar a cultura cooperativa, o emprendemento e autoemprego, a mellora da xestión e competitividade, o financiamento e a colaboración institucional. 

O cooperativismo é un sector que na actualidade aglutina a preto de 90.000 socios (un de cada doce fogares galegos conta cun membro que é cooperativista) e dá emprego directo a máis de 10.200 persoas, cifra que se duplica se se ten en conta os empregos indirectos e inducidos.

Por último, o titular de Economía salientou que estas medidas enmárcanse na aposta do Goberno galego polo emprendemento, ao que destina este ano 40 millóns de euros, e, polo cooperativismo e Economía Social, un sector que aglutina a máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas. Así, recentemente aprobouse o Proxecto de Lei de Economía Social de Galicia que ten como principal obxectivo regular ao sector, promovendo especialmente o cooperativismo xuvenil e ofrecendo grandes posibilidades para contribuír ao crecemento económico de Galicia desde o rural. 


En definitiva, Conde indicou que a Xunta pretende potenciar ás empresas de Economía Social polo seu compromiso co territorio, fomentando as de base tecnolóxica e innovadora e de emprendemento industrial con atención ás destinadas ao rural.