28/3/16

A XUNTA DESTACA O “PAPEL FUNDAMENTAL” DAS UNIVERSIDADES NA CONSECUCIÓN DUNHA SOCIEDADE MÁIS LIBRE E IGUALITARIA



A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou en Ourense na  inauguración das XII Xornadas Sociedade e Dereito: “Muller, Política e Igualdade”

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou en Ourense o “papel fundamental” das Universidades á hora de transformar a sociedade e facela máis libre e igualitaria. 

López Abella participou na inauguración das XII Xornadas Sociedade e Dereito: “Muller, Política e Igualdade”, que organiza a Facultade de Dereito ourensá. Alí expresou a necesidade de conseguir un maior equilibrio entre mulleres e homes na educación e no mundo do traballo, unha situación que “poderá contribuír a cubrir futuras cualificacións e necesidades laborais”. 

Nese sentido, a titular de Igualdade lamentou que pese a que as mulleres representan o 60 por cento do alumnado universitario e están “absolutamente preparadas”, posteriormente só un 10 por cento delas chega a ocupar postos de decisión. “E é unha auténtica mágoa porque a intelixencia se reparte por igual”, apostilou.

Na inauguración tamén participaron o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o presidente do Consello Social da Uvigo, Ernesto Pedrosa, a decana da Facultade de Dereito ourensá, Marta Fernández Prieto, a Decana do Colexio de Avogados de Galicia, Pilar López-Guerrero e a concelleira de Igualdade ourensá, Sofía Godoy.

Cualificados expertos e máis de trinta relatorios
As xornadas desenvolveranse os días 28 e 29 de marzo e 1,4 e 5 de abril en horario de mañá e tarde e contarán con cualificados expertos do mundo político, social, cultural e académico, que tratarán de dar resposta aos interrogantes suscitados polo tema das xornadas. 

Así, por exemplo, abordaranse asuntos como a Igualdade de xénero na política e no sistema educativo, a “prensa para mulleres” na primeira metade do s. XX;  “Xénero” e “Sexo” na doutrina do Tribunal Constitucional, o papel da muller no deporte e no campo da investigación ou as últimas novidades procesuais en materia de violencia de xénero, por citar algún dos máis de trinta relatorios.


As Xornadas Sociedade e Dereito están dirixidas a estudantes, posgraduados, profesionais do Dereito e das Ciencias Sociais e público en xeral, sempre co obxectivo de potenciar e enriquecer a oferta académica e cultural da cidade e a provincia de Ourense no amrco universitario.