22/3/16

A XUNTA DESTACA ANTE SINDICATOS E PATRONAL QUE A AXENDA 20 PARA O EMPREGO BUSCA XERAR NOVAS OPORTUNIDADES PARA EMPRESAS E TRABALLADORES

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse hoxe en Santiago co presidente da CEG, Antonio Dieter Moure, e co secretario xeral de CC.OO en Galicia, José Manuel Sánchez Aguión, para presentarlles a estratexia que ten como meta a creación de 100.000 postos de traballo ata 2020  
Conde informou ao presidente da patronal que a Axenda busca dar resposta ás novas necesidades do tecido produtivo e reforzar os servizos de apoio aos empresarios a través das oficinas de emprego
Salientou que o Goberno galego destina 75 millóns de euros a incentivos para a contratación e inclúe a creación de Unidades de Formación na empresa con compromiso de contratación
Sinalou que a folla de ruta do Goberno galego recolle na negociación colectiva a inclusión de medidas de RSE, igualdade e conciliación 
Trasladoulles a importancia de desenvolver unhas relacións laborais sólidas que permitan crear as condicións adecuadas ao novo contexto de crecemento
As xuntanzas forman parte da rolda de contactos que está a manter o titular de Economía para dar a coñecer a planificación da Xunta en materia laboral e escoitar as propostas dos principais colectivos económicos 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse hoxe en Santiago co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Dieter Moure, e co secretario xeral de CC.OO en Galicia, José Manuel Sánchez Aguión, xunto con representantes de ambos organismos, dentro da rolda de contactos para presentar aos distintos axentes a Axenda 20 para o Emprego e escoitar as súas achegas e demandas.

Na xuntanza que mantivo co presidente da CEG e co resto de representantes da patronal, o titular de Economía centrouse nas medidas que buscan dar resposta ás necesidades concretas do tecido produtivo.

Destacou, entre as 20 medidas que contén esta folla de ruta,  os incentivos á contratación por preto de 75 millóns de euros que pon a Xunta a disposición de empresas e traballadores. Entre estes apoios inclúese o programa APROL para promover a contratación, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos, como son as persoas con discapacidade, desempregados de longa duración, a mocidade e as mulleres, para as que se porá en marcha o Plan de Emprego en Igualdade.

Así mesmo, destacou  a creación de Unidades de Formación na empresa que impulsarán a especialización e capacitación con compromiso de contratación. Sinalou ademais, que a Xunta reforzará os servizos de apoio aos empresarios a través das oficinas de emprego. 

O titular de Economía trasladoulle aos representantes de CC.OO que a Axenda inclúe na negociación colectiva a inclusión de medidas de RSE, igualdade e conciliación. Ao respecto, Conde afirmou que a Xunta seguirá a incentivar ás Pemes para implantar medidas de igualdade laboral e flexibilidade co obxecto de mellorar a calidade e estabilidade dos postos de traballo.  Sinalou que a Axenda 20 para o Emprego,  cun orzamento de 180 millóns de euros anuais, busca reducir o desemprego ata o 10% coa creación de 100.000 postos laborais ata 2020 e foi elaborada cunha visión global co obxecto de servir de punto de partida para o debate e o consenso cos interlocutores sociais.

Para iso, a estratexia céntrase en 3 retos: fomentar o emprego de calidade, estimulando o emprego indefinido a tempo completo para crear ou converter en indefinidos 50.000 contratos; reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral; e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas.

Para alcanzar estes retos, o conselleiro trasladoulles a importancia de desenvolver unhas relacións laborais sólidas que permitan crear as condicións adecuadas ao novo contexto de crecemento. Neste senso, indicou que iniciada a recuperación económica, o Goberno galego non deixará de esforzarse para que esta recuperación e o emprego chegue a todas as familias galegas.