A XUNTA AGARDA QUE O MAGRAMA AXILICE O DECRETO DE CESIÓN DE PREZOS DO LÁCTEO TRAS SER VALIDADO POLO CONSEJO DE ESTADO



  • A entrada en vigor desta norma –pendente agora só da súa aprobación polo Consejo de Ministros– vai dotar de maior transparencia á cadea de valor do leite
 A Xunta agarda que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) conclúa canto antes a tramitación do Real Decreto sobre declaracións obrigatorias dos fabricantes de leite líquido envasado de vaca, unha vez que esta norma foi validada con éxito polo Consejo de Estado, último paso antes da súa aprobación final no Consejo de Ministros.

A Consellería do Medio Rural celebra que o Consejo de Estado dera o seu visto e prace a esta norma, xa que a súa entrada en vigor vai dotar de maior transparencia á cadea de valor do leite. Isto é así porque o Real Decreto establece a obriga –por parte da industria– de facer públicos os datos sobre prezos de compra-venda do leite. É dicir, grazas a esta norma vai ser posible coñecer a que prezo compra a industria o leite aos gandeiros e a cal o vende á distribución. 

Trátase dunha medida de firmeza que vai supoñer beneficios para todos os axentes da cadea, especialmente para os gandeiros, e coa que será posible saber quen cumpre e quen non os seus compromisos dentro do Acordo Lácteo.


O ditame do Consejo de Estado incorpora ademais as valoracións e achegas feitas por diversos organismos para mellorar a redacción do referido Real Decreto. Entre elas, recolle as recomendacións da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, que fixo unha serie de apreciacións co fin de enriquecer o texto final da norma, sen opoñerse á súa entrada en vigor.