A UNIDADE DE TECNOLOXÍAS MARIÑAS DO CETMAR TRABALLA EN 8 PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN QUE FOMENTARÁN A INNOVACIÓN DO SECTOR DO MAR

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o labor que está a realizar a Unidade de Tecnoloxías Mariñas (UTMAR) do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR para impulsar a innovación no sector produtivo relacionado co mar e os seus recursos. Durante a visita ao centro, a conselleira mantivo un encontro co equipo técnico desta unidade, ao que tamén asistiu a directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo. Alí coñeceu os 8 proxectos de investigación nos que actualmente traballa esta unidade e que permitirán fomentar a innovación no sector do mar. 

A conselleira destacou que desde esta unidade “se está a dar resposta a necesidades tecnolóxicas concretas, ademais de favorecer a incorporación de novas tecnoloxías ao sector e a implicación das empresas vinculadas ao mar na I+D+i”. Así, lembrou que impulsar a cooperación entre institucións e empresas no ámbito marítimo-pesqueiro é un dos fins fundacionais do Centro Tecnolóxico do Mar e afirmou que o traballo desenvolvido pola Unidade de Tecnoloxías Mariñas permite avanzar neste reto. 

Durante a reunión, os responsables da UTMAR deron conta dos proxectos nos que se está a traballar na actualidade relacionados co seu ámbito de actividade, como é a avaliación e desenvolvemento tecnolóxico propio relacionado coa monitorización do medio mariño; servizos de asistencia a redes de observación oceanometeorolóxicas ou calibración de instrumentación oceanográfica.

Actividade desta unidade
Ademais do mantemento da rede océano-meteorolóxica de Galicia, a UTMAR participa en proxectos como LifeDemoWave para o desenvolvemento de novos prototipos de captación da enerxía das ondas ou E-Corydora, para desenvolver tecnoloxía mariña que permita dragaxes ecolóxicas en zonas de alta contaminación ou difícil accesibilidade.

Os técnicos do CETMAR preparan tamén a análise do marco medioambiental e socioeconómico asociado á creación dunha área experimental para o aproveitamento de enerxías mariñas por encargo do INEGA, así como a optimización das capacidades dos drons cara a súa utilización na xestión do medio mariño responsabilidade da Consellería do mar, a través da Civil UAVs Initiative.


A UTMAR púxose en marcha en 2008 e conta cun taller oceanográfico dedicado ao mantemento de instrumentación oceanográfica e cun laboratorio de calibración deses aparellos. Nesas instalacións, un equipo multidisciplinar de enxeñeiros industriais, licenciados en Ciencias Químicas e licenciados e doutores en Ciencias do Mar desenvolven proxectos de I+D+i de ámbito nacional e internacional, asistencias técnicas e servizos.