A PRAZA DE ABASTOS DE BUEU ACOLLE MÉRCORES E XOVES O MERCADO DA CERVEXA E DA SIDRA ARTESÁ


Tras o exitoso mercado do Entroido, a Concellaría de Promoción Económica e Turismo, dirixida por Silvia Carballo, volve traer á Praza de Abastos de Bueu outro destes mercados temáticos: neste caso o da cervexa e sidra artesá, que tamén incluirá obradoiros, degustacións e charlas, ademais de varios expositores. Mañá, 23 de marzo, inaugúrase o mercado no primeiro andar da Praza, que estará aberto de 10 a 14 e de 16 a 20.30 horas. Pola tarde, haberá dúas sesións do Obradoiro infantil de elaboración de compota e piruletas de mazá, ás 17.30 e ás 18.45 horas, e no que poderán participar nenos e nenas de ata 6 anos. Para esta actividade non é precisa inscrición previa, senón que a participación se fará segundo orde de chegada.
O xoves seguirá o mercado, en horario só de mañá e con dúas actividades moi interesantes que vinculan a gastronomía do mar coa da terra. Ás 11 horas, Víctor Manuel Rivas González impartirá a charla “A expansión da sidra galega”, e ás 12 horas desenvolverase unha cata de sidras nacionais e internacionais, con límite de quince prazas, e na que terán preferencia as persoas que participen na charla. E como non podía ser doutro xeito, o mercado tamén vai acoller ás 12.30 o seu tradicional showcooking, neste caso con degustación de paella de mar e montaña ao aroma de sidra galega. Para poder degustar este prato, os praceiros van repartir vales entre as persoas que merquen na Praza durante estes días, co obxectivo de que se dinamice o comercio buenense e os produtos locais.
Os expositores que van estar no mercado ámbolos dous días serán: Cervexa La Negra de las 12, Cerveza Pardao, Cervexa Faxilda, Cervexa Galician Brew, Cervexa Meiga, Sidra Ribela, Sidra Val do Traba.
Este mercado temático, ao igual que os restantes que se van organizar este ano en Bueu, foi subvencionado polo Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, e insírese nos proxectos de dinamización da Praza de Abastos de Bueu e de promoción da economía local. Os vindeiros mercados serán o do pan, o da saúde e benestar e o da conserva.
Xincana de bicicletas e mercadiño extraordinario
Este mércores entre as 11 e as 13 horas continúan na Praza Massó as actividades deportivas organizadas pola concellaría de deportes, dirixida por Manolo Otero. Así, os nenos e nenas de entre 8 e 12 anos poderán participar nunha orixinal xincana de bicicletas, onde se ensinarán destrezas e habilidades, ademais de conceptos de educación viaria. Para participar é preciso que os pequenos traian bicicleta e casco.
Co gallo da festividade do Xoves Santo, os vendedores ambulantes do Concello de Bueu van celebrar o seu mercadiño extraordinario, cuxo horario é de 8 a 14.30 horas.