19/3/16

A POLICÍA AUTONÓMICA IMPUTA AOS PRESUNTOS AUTORES DE TRES INCENDIOS FORESTAIS EN GOMESENDE, MONDARIZ E TOMIÑO



  • Na campaña anti-incendios forestais deste ano foron imputadas seis persoas
A Policía Autonómica informa da imputación de cinco persoas como presuntas autoras de incendios forestais no concello ourensán de Gomesende e nos pontevedreses de Mondariz e Tomiño. 

No caso de Gomesende, os axentes procederon á imputación do presunto autor dun lume que tivo lugar o pasado 15 de marzo nos montes de Abellás, na parroquia de Santa María de Pao, cando o investigado intencionadamente e mediante un sistema de retardo iniciou o lume en masa forestal.
Para a investigación do lume contouse coa colaboración de Axentes Forestais da Brigada de Investigación de Incendios Forestais  do Distrito XVII da Consellería de Medio Rural. Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Celanova.

Por outra banda, funcionarios da Policía Autonómica de Vigo procederon á imputación de dúas persoas como presuntas autoras dun delito de incendio forestal que tivo lugar o pasado 16 de marzo no lugar de Paredes, na parroquia de Santa Eulalia, concello de Mondariz, cando os investigados, de maneira neglixente, se atopaban realizando unha queima de restos forestais. Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Instrución número 1 de Ponteareas.

Por último a Policía Autonómica informa tamén da imputación dos dous presuntos autores dun delito de incendio forestal producido o 16 de marzo na parroquia de Goián (Tomiño), cando os investigados, de maneira neglixente, se atopaban realizando unha queima de restos forestais. Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Instrución número 1 de Tui.


Na actual campaña anti-incendios forestais 2016 un total de seis persoas foron imputadas pola Policía Autonómica.