21/3/16

 Eva Vilaverde destacou que na exposición se demostrou “o interese do público en mercar produtos elaborados coa camelia que se poden producir na nosa terra” 

 “Sería un éxito absoluto que o campo galego se dese conta de que en Galiza temos as mellores condicións para desenvolver todas as potencialidades da planta”, dixo  

O LI Concurso Exposición Internacional da Camelia, que nesta edición levou o nome de ‘Os sentidos da camelia’, recibiu durante a fin de semana máis de 7.000 visitas. A mostra, organizada pola Deputación de Pontevedra e instalada no Recinto Feiral de Pontevedra, estivo aberta o sábado pola tarde e o domingo durante todo o día, sendo preciso nalgúns momentos pechar o acceso debido á gran cantidade de público que había no interior. A deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, sinalou o grande éxito de público, máis tamén salientou que a celebración da exposición tamén pagou a pena polo interese dos visitantes nos produtos elaborados con camelia. 
“ Máis aló da enorme afluencia de público sei que esta fin de semana houbo xente que saíu da mostra preguntando onde mercar cremas, aceites, marmeladas, plantas de camelia… e incluso querendo ir aos restaurantes a probar sobremesas elaboradas con camelia. Só por iso, o traballo xa pagou a pena”, sinalou Vilaverde, que insistiu en que “se aínda por enriba a alguén lle empeza a roldar pola cabeza que todos eses produtos os podemos facer aquí en Galiza e que temos as mellores condicións, iso xa é un éxito absoluto”. 
Vilaverde lembrou que a intención da Deputación de Pontevedra coa exposición deste ano era dar a coñecer todas as potencialidades económicas da camelia, non só centrándose na beleza da flor e a súa capacidade de atracción turística, senón tamén na súa viabilidade como cultivo para a comercialización de té ou de aceite. “Non se poden desaproveitar a riqueza que pode darnos, xa que as Rías Baixas é un dos lugares do mundo onde mellor se produce”, dixo. 
A mostra de ‘Os sentidos da camelia’ estaba dividida en cinco espazos. O primeiro era o da vista, onde se podían admirar cultivares de 54 expositores de toda Galicia; despois estaba o espazo do oído, onde se celebraron contacontos que reuniron a decenas de cativos que interactuaron cos membros de ‘Polo correo do vento’ coa historia ‘A fada das camelias’. No espazo do tacto permitiuse aos visitantes tocar a planta e todo o derivado da camelia, tanto as follas como os pétalos, madeira, sementes, e tamén os tés e o aceite de camelia, co que os visitantes refregaron as mans comprobando as súas propiedades hidratantes e incluso biobactericidas dentro do mundo da cosmética. No espazo do olfato, o público puido ulir fragancias, cremas, aceites, tés e tamén as camelias olorosas, ata fai pouco descoñecidas en Galiza.
O espazo do gusto foi o que despuntou como novidade dentro da mostra e os momentos de cociña en directo de Iñaki Bretal e de representantes do Centro de Hostelería Carlos Oroza  supuxeron tamén un éxito rotundo. Centenares de persoas se agolparon ante a cociña no momento das exhibicións e incluso entre bambalinas mentres se facían os traballos previos aos ‘showcooking’. A degustación dos dous pratos elaborados foi recibida con moi boa acollida por parte do público, que se convenceu de que a camelia pode ser un ingrediente de calquera prato elaborado na casa. 

O feito de que a mostra coincidise cos primeiros días da Semana Santa, por outra banda, fixo que a mostra se convertese nun evento internacional, xa que houbo moito público estranxeiro que aproveitou a estancia ou paso pola cidade para achegarse ao Recinto Feiral. Foi habitual ver aos expositores explicando aos visitantes as características das súas flores tanto en inglés, como francés e sobre todo portugués.