18/3/16

A MEIRANDE PARTE DAS FAMILIAS ESTÁN SATISFEITAS CO CENTRO EDUCATIVO DOS SEUS FILLOS E CO SEU CLIMA DE CONVIVENCIA



  • O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, presentou hoxe o resultado do cuestionario realizado a profesorado, familias, alumnos e persoal non docente que ofrece unha exhaustiva diagnose do estado da convivencia en Galicia e servirá de base para que os centros actualicen e adapten os seus propios plans
  • A maior parte dos enquisados consideran que a convivencia mellorou nos últimos tres anos e a percepción de evolución positiva multiplica por catro a negativa 
  • Máis do 80% de todos os colectivos consultados aprecian que non hai problemas de convivencia ou que se dan casos puntuais
  • Preto do 85% das familias declaran que os seus fillos non teñen padecido ningunha conduta contraria á convivencia
  • Os conflitos máis percibidos polos rapaces e rapazas son interromper na clase, insultar, poñer alcumes ou rirse doutra persoa; e os espazos onde máis se producen son os recreos e nas entradas e saídas do centro
  • A Consellería aposta polo reforzo da formación do profesorado, a creación de Escolas de Nais e Pais, e a potenciación do sistema de mediación como liñas para seguir avanzando na mellora da convivencia escolar en Galicia
O conxunto da comunidade educativa galega considera que nos centros escolares de Galicia existe, en liñas xerais, un bo clima de convivencia; e que os conflitos que se producen son maioritariamente de carácter puntual. Así mesmo, a inmensa maioría das familias declara abertamente estar satisfeito co centro ao que asiste o seu fillo ou filla. Así se desprende dos resultados do cuestionario que a Consellería de Cultura e Educación realizou en novembro para testar o estado da convivencia escolar, e que hoxe foron presentados polo  conselleiro Román Rodríguez ante o Consello Galego da Convivencia.

O titular do departamento educativo explicou que a envergadura desta enquisa -na que participaron case 200.000 persoas entre docentes, familias, alumnado e persoal non docente- permite dispoñer dunha exhaustiva diagnose sobre a situación da convivencia e, desta forma,  afinar na toma de decisións e na implementación de medidas máis axeitadas baseadas en evidencias, tanto no caso dos propios centros como da administración educativa. 

O conselleiro destacou que o índice de satisfacción xeral das familias (o 81,1 por cento así o manifesta) é moi elevado; e que máis do 90 por cento do profesorado e do 86 por cento das familias consideran que o seu centro está ben coidado. Así mesmo, a meirande parte do alumnado (80 de cada 100) consideran moi ou bastante importante aspectos como cumprir as normas, obedecer e respectar ao profesorado ou axudar aos compañeiros. 


Evolución positiva nos últimos tres anos
Outro dato salientable é a evolución da convivencia nas aulas, xa que máis da metade dos enquisados sinalan que a convivencia mellorou nos últimos tres anos, unha percepción na que coinciden practicamente todos os colectivos entrevistados. De feito a percepción de evolución positiva multiplica por catro á percepción negativa. 

Así mesmo, máis do 80 por cento dos colectivos citados aprecia que non hai problemas de convivencia nas aulas ou, en caso de producirse algunha situación conflitiva, son casos de carácter puntual. Tanto docentes como alumnos coinciden en que a vía do diálogo é a máis efectiva para a resolución dos conflitos. 

Condutas contrarias á convivencia e espazos onde se producen
No caso das familias, 85 de cada 100 declaran que os seus fillos non teñen padecido ningunha conduta negativa. Os que manifestan que si (un 8,5 por cento), sinalan que a conduta contraria á convivencia percibida como máis habitual son as ameazas e insultos, seguida en segundo lugar de rirse dun compañeiro ou poñer alcumes. 

Esta percepción é bastante coincidente co manifestado polos alumnos, xa que o 80% declara abertamente no ter padecido ningunha conduta negativa. Entre as máis habituais sinaladas polos alumnos están interromper na clase, insultar, poñer alcumes ou rirse doutra persoa e chegar tarde a clase. Os recreos ou á entrada e saída do recinto escolar son os espazos máis proclives a este tipo de conflitos, polo que o conselleiro apelou á implicación de todos os colectivos para frear este tipo de comportamentos.

Reforzo da formación, escolas de nais e pais e mediación 
Román Rodríguez subliñou que esta diagnose é unha ferramenta de traballo fundamental para avanzar na convivencia e, á vista dos resultados, hai unha serie de aspectos nos que a Administración vai incidir de cara ao futuro. 

Un dos máis destacados é o reforzo dos aspectos formativos do profesorado, tanto no conxunto dos centros como con iniciativas concretas adaptadas a cada centro, reforzar o papel da figura do titor dotándoo de máis medios formativos, de ferramentas pedagóxicas e de habilidades sociais; e deseñando orientacións específicas para os espazos máis conflitivos (recreos e entradas e saídas dos centros).

Así mesmo, explicou que hai que fortalecer a participación das familias e lograr unha maior implicación. Para iso, comprometeuse a potenciar as Escolas de Nais e Pais, creando unha estrutura estable en rede para a formación das familias. 


Outra das liñas de traballo pasa por potenciar a mediación, un recurso que se entende como moi valioso na prevención e abordaxe de conflitos no ámbito educativo nos que estean implicados profesores e alumnos.